O túnel I

Publicado: 10 jul 2021 - 01:26

Hai tempo conteilles nunha “bolboretiña” que a palabra túnel do francés, pasada polo inglés, viñera xunto co ferrocarril no XIX, e era parenta de “tonel”. A vella palabra nosa para “buratos debaixo da terra” é mina. De aí, unha mina de auga, unha mina de minerais ou o propio verbo minar, para socavar, cavar por debaixo. E, claro, os buratos que furan a terra teñen mala fama porque nos levan ao oposto ao ceo, o que está por debaixo do mundo, ao inframundo. Por iso é lugar de dragóns e monstros... cousa que comprobamos ó vermos a boca das “tuneladoras”, como lampreas xigantes.

Pois o outro día cando lles falei dos corenta quilómetros de buratos que querían facer para a reviravolta de Cerdedo a Vigo, viñéronme á memoria un par de historias de túneles, axeitadas para pasar un momentiño, sen pretensións. Cóntolles hoxe unha e, se cadra, outro día, outra. E a de hoxe está, modestamente, literaturizada. Useina como eixo dun relato co que participara no concurso de relato curto Antonio Machado da Fundación de Ferrocarriles de España a finais dos oitenta -creo- e que, se ben non gañei, si quedei finalista e conseguín tres cousas: un “chequetrén”, lembran?, coñecer o antipático do presidente do xurado -Camilo José Cela-, e tres, ver como as damas da boa sociedade madrileña, todas enxoiadas, se botaban coma lobas esfameadas sobre as gambas en gabardina e os canapés de salmón no acto de entrega dos premios. Rin o meu... pero volvamos ao rego que escorrego.

A historia, o conto este, empezou no Lar Gallego de Santiago de Chile no verán boreal de 1988. Un vellote, pequeneiro, con ollos pequechos e vivos, que xogaba ás cartas con outros tres amigos, e que cando un dícía “arrastro” contestaba sempre “a cabeza contra o canastro”, resumiume a historia da súa vida, absolutamente influída pola construción do túnel do tren entre Vilavella e A Canda. E como esta liña inaugurouse en 1957, o sucedido debeu ser un par de anos antes. Contábame o bo do home, apelidado Luís Luís, creo que José, natural de Chaguazoso -do Chaguazoso da Mezquita, non do de Vilariño de Conso- que, como tantos mozos da súa zona, entrara a traballar de peón na construción do túnel. E contoume como alí intuíra un mundo novo: aparellos, medicións, dinamita, coches, xentes que falaban o castellano, enxeñeiros e algunha moza de película que os acompañaba... E como esa realidade que o seducía petaba coa súa. Cando paraban ao medio día e saían do burato para comer, alí, estaban alí as súas mozas da aldea con cadansúa cesta da comida agardando para xantaren xuntos... e a idea de casaren dando voltas... E o seu temor é que á finalización do túnel, acabase apañando unhas cadelas, e volvese enterrar na aldea para sempre... E contoume como no momento en que se xuntaron cos que cavaban da outra parte, viu que a vida, como os túneles, podían ter máis dunha saída. Uns días despois saíra por tabaco... e acabara en Chile, sen moita conciencia nin pecado. No meu relato, permitinme a licenza de dicir que saíra do propio túnel polo outro burato.

E si, a de Chaguazoso a Chile é unha das cadeas emigratorias mellor estudadas -en Chile, non aquí- e como os primeiros chegaron rebotados de Buenos Aires e logo foron turrando uns por outros. A maioría empezaron de panadeiros, aínda que logo saltaran a todos os negocios. Dicíanme alí, no Lar Gallego de Santiago, que os indíxenas que traballaban con eles pensaban que as tres cidades máis grandes de España eran Madrid, Barcelona e Chaguazoso, porque eran as tres das que oían falar. Incluso un ano, non había moito naquel 1988, fretaran un Boeing 747 para viren á festa do Santiago na aldea natal...

O señor Luís seica non se fixera rico, pero mundo vira o seu. Outra forma de riqueza, desde logo.

Contenido patrocinado

stats