La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Como habitual usuario do transporte público en Ourense, constato a diario as deficiencias dun sistema que o alcalde se empecina en presentar como “todo un éxito”, mesmo de nivel continental, ao tempo que cualifica de “minoría ruidosa” aos veciños que padecemos e nos laiamos da súa política de rotulador. Tras anos de demora, a reforma en curso é un auténtico despropósito que tan só ten sentido na cabeza do rexedor: supresión de liñas, amplas zonas sen servizo, desconexión do transporte coas realidades e necesidades da veciñanza, impuntualidade, acumulación de buses nas paradas que provoca longos lapsos sen frecuencias, e continuos cambios sobre a marcha que fusionan, amplían ou cambian de nome ás rutas sen criterio aparente. O resultado é un caos que dificulta a mobilidade cotiá de milleiros de cidadáns que dependen dun transporte público funcional para acceder ao traballo, á educación ou coidados básicos.
Alén da frustración, a reforma preséntase como unha enésima oportunidade perdida que fará que Ourense acumule aínda máis atrasos, incidindo no deterioro da calidade de vida e minando a competitividade dunha capital chamada a ser o motor provincial. Unha acaída política de transporte democratiza a mobilidade, alivia o tránsito, facilita o acceso ao emprego, educación e sanidade, dinamiza o comercio, reduce a contaminación, mellora a cohesión entre barrios, fomenta o turismo urbano, incrementa o valor inmobiliario e estimula a innovación empresarial. Friburgo dinamizou a súa economía co tranvía, Grenoble rexenerou barrios marxinais e multiplicou estudantes universitarios co seu sistema integrado e León duplicou os usuarios con autobuses eficientes. Os pobres obxectivos evidencian a falta de ambición transformadora, descubrindo a incapacidade para albiscar o potencial das políticas municipais.
Fronte ás discusións sobre frecuencias e paradas, a cidade precisa avaliar medidas autenticamente transformadoras para a mobilidade urbana
Como eixo da cultura democrática, toda política pública debe aspirar a contar co concurso da cidadanía na súa definición e aplicación. A ausencia de concertación na reforma, así como a opacidade na súa xestación, dá conta do autoritarismo de quen despreza os mecanismos deliberativos fundamentais. É requirida a consulta con partes interesadas como asociacións veciñais, comerciantes, traballadores, estudantes, xubilados, persoas con diversidade funcional e profesionais como taxistas. Oporto desenvolveu mesas participativas que incorporan propostas cidadás nas fases de deseño e Barcelona utiliza “Decidim” para facilitar a deliberación veciñal. A literatura académica confirma como o saber cidadán prevén erros de deseño, mellora a aceptación social e optimiza a eficiencia dos servizos. Ignorando ás partes afectadas e desdeñando saberes locais, en Ourense descubrimos os cambios dun día para outro, sen debate nin real participación.
Fronte ás discusións sobre frecuencias e paradas, a cidade precisa avaliar medidas autenticamente transformadoras para a mobilidade urbana. A recente renovación custosa de buses que manteñen acceso único pola porta dianteira exemplifica o desperdicio de recursos públicos, mentres cidades similares implementaron sistemas de acceso múltiple que reducen os tempos de viaxe nun 20%. Unha liña de tranvía entre a Estación Intermodal e o Xardín do Posío ao longo de 2,5 quilómetros con investimentos de 50 millóns por quilómetro, segundo estimacións da Unión Internacional de Transporte Público (UITP), revolucionaría a conectividade xerando retornos de 1,8 euros por cada euro investido. Outras medidas incluirían validación por códigos QR como adoptou Tallín, integración tarifaria urbano-metropolitano-taxi seguindo o modelo de Zúrich, aplicacións de mobilidade en tempo real, carrís exclusivos como os de Vitoria-Gasteiz e sistemas de bicicletas públicas eléctricas.
Sen concesionaria en firme, a remunicipalización debería emerxer como alternativa nun debate rigoroso, transcendendo dogmas ideolóxicos. David Hall, investigador da Universidade de Greenwich, sostén que a xestión pública directa ofrece retornos substanciais, xerando a nacionalización de servizos no Reino Unido economías anuais de 315 libras por fogar. París acadou aforros de 35 millóns de euros trala remunicipalización da auga en 2010, baixando tarifas un 8%. Castelldefels economizou case 3 millóns de euros anuais remunicipalizando a recollida de lixo e Valladolid confirmou que a limpeza viaria privatizada custaba un 71% máis. A marxe absorbida pola concesionaria podería reinvestirse en melloras tecnolóxicas, ampliación horaria ou redución de prezos para os visitantes, dando por suposta a gratuidade para veciños. Os concellos dispoñen de prerrogativas para transformar a vida dos cidadáns mediante políticas audaces. Pero mentres outras cidades reimaxinan o futuro, Ourense mantense na parada, sempre agardando polo bus.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último