Ourense quere fútbol

Publicado: 04 nov 2025 - 04:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

As dúas eliminatorias disputadas a semana pasada, por Ourense CF e UD Ourense na Copa do Rei, deixaron algo máis ca boas sensacións e bancadas cheas. Amosaron unha evidencia que non admite discusión: Ourense quere fútbol. O que se vivíu no estadio do Couto foi unha auténtica demostración de paixón colectiva, unha reivindicación popular dunha cidade que precisa, con urxencia, un equipo en 2ª División.

Porque máis alá de cores ou escudos, o que se respiraba nas gradas era o mesmo sentimento que levou a centos de afeccionados a desfrutar como o fixeran nas épocas gloriosas de CD Ourense. Familias enteiras, cativos con morea de ilusión, maiores lembrando tardes de fútbol e unha afección entregada que se volcou sen distinción. A sorte foi dispar para ambos conxuntos pero a afección soubo corresponder igualmente á Unión Deportiva Ourense, que caía na tanda de penaltis e que tres días máis tarde volvía a por en pé ós seus xiareiros derrotando ó que chegaba líder da competición, o Fabril. Esa comunión, esa ilusión compartida, debe ser o pulo que leve a Ourense CF ou a UD Ourense o máis arriba posible porque a maior parte da xente quere fútbol de máximo nivel, sen importarlle certas leas.

Un clube no fútbol profesional, por exemplo en Segunda División, sería moito máis ca un proxecto deportivo. Representaría un motor económico e social. Cada partido traería movemento na hostalaría, no comercio e nas áreas termais. As terrazas encheríanse antes dos encontros, os bares vibrarían e os afeccionados doutras ciudades aproveitarían para facer turismo e coñecer a nosa provincia. Pero, sobre todo, a cidade recuperaría a autoestima futbolística. Contar con un equipo na elite é tamén unha forma de poñer Ourense no mapa, de proxectar o seu nome e a súa enerxía máis alá das nosas fronteiras.

E hai algo aínda máis importante: o impacto nos máis pequenos. Ver á súa cidade representada, sentir que poden soñar con xogar algún día no equipo da súa terra, é unha ferramenta poderosa de formación, valores e pertenza. O deporte profesional inspira, educa e crea referentes positivos.

Por iso, o debate non debería centrarse en qué clube o consiga, senón en cómo acadalo canto antes entre todos. Ourense precisa un proxecto sólido e con visión de futuro, que devolva ao fútbol ourensán o lugar que merece porque cando unha cidade se une detrás dun obxectivo común, non hai meta imposible.

As noites de Copa foron faíscas que terán novos episodios o vindeiro sábado ca final da Copa Federación e a primeira semana de decembro ca segunda rolda da Copa do Rei. Agora tócalle á cidade converter estas faiscas en chama. Porque sí: Ourense quere fútbol.

Contenido patrocinado

stats