Ourense termal, termal

Publicado: 13 jun 2026 - 00:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Que Ourense ten unha vocación termal é algo que xa sabían os romanos cando xestionaron sen burocracia o tema cultual e recreativo da Burga. E algunhas das intervencións urbanísticas das distintas capas administrativas do poder público van na liña de incrementar a nosa potencia termal pero en dous sentidos. Un, na xestión de pozas nas beiras -excesivamente á beira, por certo- do Miño ou da piscina da propia Burga, pechada, tamén por certo. E dous, máis directo e exitoso, coa conversión ecolóxica -sen electricidade nin gas- dun par de espazos públicos en zonas de altísima potencia termal, realmente fornos, só con enerxía solar directa, “raxeira”, que se di na nosa fala.

Primeiro espazo, Xardín do Posío. Como tantos outros paseantes fun ver o resultado da obra, oculta, loxicamente, durante meses. E o que vin -non é ironía- non me deu frío nin calor. Nos espazos inferior e superior do vello xardín botánico a diferenza non é tanta. Estanque, paxareiras, fonte, incluso palmeiras -agora do Índico, por iso do bicudo vermello, supoño- e paseos térreos entre zonas máis verdes. Por riba, parque infantil. Pero a parte central, alí onde se celebraban os “asaltos baile” dos anos sesenta e os Festivais do Miño, pois parecido ao de antes. En vez da planchada de cemento dos últimos anos, parece que planchada de cemento recuberta de terra pisada. Unha pérgola nun cachiño -teñen que medrar as madreselvas- e o resto, máis ou menos como estaba, con máis bancos e mellora do espazo desa cafetería cuxa adxudicación non estivo coordinada coa resolución da obra, pois era lóxico que coincidisen ambas aperturas. Pero non hai máis verde nese paseo central. O espazo é ideal para aterraxe de helicópteros ou para solarium extremo. Si. Pasear por alí en horas centrais dos días de verán, non compatible coa busca dun “refuxio climático” verde senón deporte de risco, irmán pequeniño, esaxerando, do Marathon des Sables, en Marrocos.

Pero cando un vén a Ourense sabe ao que vén. Despois de baixar do tren debe un pasar pola explanada da Estación, aberta a todos os ventos, todas as chuvias e todos os soles. Esa que ten un parquin sen saída directa á Estación e un mogote de aireación que hai que evitar cun xiro extremo de volante. E, si, con ambas realidades, Xardín e Estación, podíase facer unha acción propagandística moi rendible en termos de presenza mediática, enfocable desde a protesta cívica ou desde a vanagloria municipal de récords. A acción podería ser así:

Si. Pasear por alí en horas centrais dos días de verán, non compatible coa busca dun “refuxio climático” verde senón deporte de risco, irmán pequeniño, esaxerando, do Marathon des Sables, en Marrocos.

Dúas planchas de cobre de tres milimetros de grosor, postas directamente sobre o chan desde as once da mañá en ambas explanadas, o 10 de agosto -para aproveitar o tirón da eclipse-. En cada un dos lugares, unha botella de aceite -Abril, claro- e unha ducia de ovos -Coren, tamén claro-. Ás tres da tarde, solución á pregunta, desafío, aposta: onde se fritirían antes? Os equipos participantes só terían que escachar os ovos sobre o metal e ver como a clara calla en cuestión de segundos grazas ao Ourense termal inducido, que non de indución. O premio -pouco risco para o Concello-, un bono para dez persoas con gasto ilimitado unha semana en calquera dos hoteis termais da cidade. Gañaría o Xardín? Os taxistas da Estación se cadra teñen outra opinión, máis formada.

En fin, isto, é malo de arranxar no estrutural pero ten posibilidades de retoque e mellora. O acerto das esquinas verdes na confluencia de rúas, ou das pantallas en rúas como Celso Emilio, e as árbores da plataforma superior do centro comercial Ponte Vella, dannos idea de que é posible promover verde por riba de capas de cemento ou similar. En fin, vaian pasear ao Xardín á mañá cedo ou cando baixe o sol, pero ollo, pecha ás once da noitiña.

Contenido patrocinado

stats