Outro ano máis

Publicado: 08 ene 2025 - 00:25

Como se fose unha noria, ano tras ano repíntense datas, festas, costumes e discursos. O mundo xira e nós case sen decatarnos seguimos a súa estela para non quedarmos descolgados. Por eso poñemos luces e nas reunións familiares e sociais hai boas verbas e desexos.

Neste ano que rematou hai uns días, case todas as autoridades políticas deron o seu parrafeo. E deses monólogos destacarei unha frase que é interesante: “Que o ruído non impida o diálogo e o acordo nos asuntos fundamentais”. Mais despois de escoitar o xefe da oposición viñéronme á memoria as contrariedades que amosan os líderes políticos, pois unha cousa é o que din e outra o que fan. Por un lado falan de conciliación e claridade na xestión, e polo outro, como no caso do PP galego, pechan a comisión de investigación do Parlamento sen clarexar nada de nada do que aconteceu con esa importante cantidade de cartos que todos pagamos polos custos do Hospital Álvaro Cunqueiro, ou dos centos de adxudicacións a familiares e amigos do expresidente e hoxe xefe da oposición no Estado.

Que sinxelo é gobernar con maioría absoluta! As verbas conciliadoras do comenzo soan como se fosen cantinelas que se repiten sen máis pero que non valen ren. Os humanos temos por costume dar moitos consellos que logo non pomos na práctica, e na política iso acontece a diario. O mesmo acontece coas boas palabras que se dan nas datas do Nadal. Todo semella un fariseísmo que arrepía.

Pois ben, pasaron as festas de Nadal e comenzou un novo ano. É un bo momento para marcar obxectivos, tendo claro cales son os que perseguimos. E aínda que sexa un atrevemento, direivos o que me gustaría que acontecera.

Comenzarei polo mundo, pois teño moita desconfianza de certos persoeiros elixidos e que uns están e outros estarán axiña no poder. Pedirei que o ególatra e narcisista Trump non arrastre ó mundo a un conflito bélico, pois este señor pensa que é o dono de todo o planeta, e xa fala como un imperialista sen liñas roxas que o paren. Tamén gustaríame que rematase a invasión rusa e a guerra de Ucraína e se puxera fin ó xenocidio de Palestina. Putin, outro que tal baila, aspira a manter baixo o zapato ós países da antiga Unión Soviética, e a día de hoxe é un perigo para a vella Europa.

Xa no Estado, quixera que se clarifiquen canto antes esas investigacións que cercan ó Goberno e que algunha, que soamente semella ruído, remate xa dunha vez. E no eido galego sería moi importante que o asunto de Altri se clarexara, e moito.

Cheira a chamusquina, dado que ningunha empresa fuxe dun país para vir a esta terra se non porque agocha escuros intereses. Tamén sería moi importante que rematara o espolio e abuso que sofren os galegos na AP-9, pois seguen a timar a cotío a moitos galegos.

No tocante a esta cidade, onde case todo está por facer, desexaría que tiveramos un novo PXOM, pero antes diso que se actualice a cartografía polo menos nas zonas a urbanizar e no rural. E que logo se expoña ó publico. Dez anos sen facelo e aprobalo asi é un erro que crea inseguridade xurídica. Tamén desexaría que a Praza de Abastos entre a funcionar dunha vez e que o rural do Concello sexa máis atendido. Hoxe está en total abandono. Non pedirei nada para o mundo cultural, pois a cultura de base non entra na cabeza de quen nos goberna, que está ocupada pola música nas festas chocalleiras. Por último pediríalle ós ourensáns e os seus entes vivos, asociacións veciñais, culturais, deportivas, etc., que mediten e que pensen no futuro desta urbe. E se aspiran a un Ourense acorde coas demais cidades galegas, que abran os ollos, pois terán que escoller en seguir con festas e trangalladas ou comezar a poñer sobor da mesa as reivindicacións sociais e culturais importantes que tanto se precisan.

Contenido patrocinado

stats