Outro Ourense é posíbel

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 31 may 2025 - 03:15

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Como as horas aínda non eran totalmente católicas, Solovio quixo mata-lo tempo que lle quedaba por diante e decidiu pasear pola súa cidade denantes de recolle-lo curmán que, dende Catalunya, viñera visitalo despois de tres anos sen verse. Da súa estadía no Ribeiro quedáralle aquel agradábel costume que adoitaba convidalo a gozar dun silencio pedagóxico que dende o seu papel prístino de testemuña puramente silandeira, é quen de tornar en compañeiro revelador e falar alto e claro cando, ó tempo que camiñamos, témo-la lucidez, ás veces a valentía, de aproveitalo para desenvolver un exercicio de introspección, sen importarnos que este se planee sen apriorismos iniciais, sen obxectivos ambiciosos, sen pretensións soberbias, sen finalidades maxestosas.

Determinou que o seu Ourense aínda podía ser escoitado e quixo poñerlle voz: outro Ourense é posíbel, si, e tal posibilidade comeza en nós.

Con cada paso que daba, a rúa do Paseo espertaba paseniño buscando unha nova esperanza; o Padre Feijóo impartía, sen gran convicción, as súas clases ilustradas; Lamas Carvajal musitaba, desencantado, un dos seus parrafeos labregos; a igrexa de Santa Eufemia, a eterna aspirante a principal, miraba de esguello á Catedral, envexosa da súa beleza, e a Praza Maior, sempre vella e sempre novas ante os ollos orgullosos de Solovio, latexaba de xeito moi lento e cun ton tímido, case imperceptíbel, coma se pedise perdón por intentar recupera-lo papel de corazón ourensán do que tantas veces falara, naquelas “Cosas de Orense” que debullou nas follas do xornal La Región, o mestre Florentino López-Alonso Cuevillas.

En tempos, a rúa de Santo Domingo fora un vieiro que conducía cara ós conceptos de liberdade e tempo de lecer adolescente, esa leda confluencia entre a modernidade e a tradición vivida entre pedras centenarias, así como un punto de paso obrigado para milleiros de veciños que a percorrían na procura de abastamento nun comercio florecente. Porén, nese momento, coas persianas baixadas sine die e ateigada de carteis de “véndese”, presentábaselle soa e gris, como un camiño de servidume cara á tristura ou unha exaltación do desleixamento, a desidia e mailo abandono máis crueis; en poucas verbas, era un escenario dantesco que mostraba, en carne viva, a decadencia á que estaba sometida a súa cidade.

Solovio lembrou aquel texto que, había dous anos e medio, escribira dende as torres do seu castelo de honestidade e no que, mentres admiraba a Compostela emblemática e eterna dos galegos, obxectivaba a deriva fatal da vella Auria. E, se daquelas Ourense se lle mostraba como unha sorte de estadea, unha procesión de mortos en vida, sen rumbo e sen esperanza, hoxe o home reafírmase en que leva demasiado tempo convertida nunha terra erma, sen proxecto colectivo, sen alento vital e sen cultura viva. Transformárase nunha entidade case sen vida que sofre e perde o pulso; un lugar onde a participación cidadá foi silenciada, o espazo público murcha a gran velocidade e o futuro semella un eco de incerteza que soa afastado entre as ruínas do que noutrora fora unha cidade e que, agora mesmo, transmutara nunha vítima das promesas incumpridas dun neno emperador e no escenario das súas representacións esperpénticas sen sentido, sen libreto e sen guión.

E coma se fose o derradeiro acto dun amor que, aínda que ferido, tenta conservar vivas tanto as brasas da dignidade coma os azos de redención, Solovio propúxose transmutar durante un intre aquela queixa moral sentida, o que semellaba un clamor interior contra o baleiro, nunha insubmisión ante o abandono da súa cidade. Determinou que o seu Ourense aínda podía ser escoitado e quixo poñerlle voz: outro Ourense é posíbel, si, e tal posibilidade comeza en nós.

Contenido patrocinado

stats