Arturo Maneiro
Lucha intestina en el PSOE
A primeira vez que visitei San Domingos de Bonaval foi o 25 de xullo de 1969, acabado de chegar de Bos Aires. Traguía claro o mandato de D. Rodolfo Prada, mestre meu de galeguismo: “Entrégalle estas cartas na mau, canto antes millor, a Xosefina e Tereixa Castelao, a Paco del Riego, a Filgueira Valverde e a Ramón Piñeiro. O 25 de xullo vai á Misa de Rosalía, na igrexa de Bonaval, en Compostela. Pregunta por iles. Alí estarán; aproveita e aforra desprazamentos...” Cumprín coa miña misión de anduriña e coñecín o que, xa daquela, era o Panteón de Galegos ilustres. Os únicos cemiterios dos que sabía, daquela, eran a inmensa cidade dos mortos de La Chacarita -95 hectáreas de extensión-. No que destaca o Panteón do Centro Galego, onde descansaban familiares meus e onde nos levara D. Rodolfo a facerlle unha ofrenda floral a Castelao e, tamén, o histórico de La Recoleta, que vira nunha excursión escolar.
Aínda non estivera no aldeán camposanto de Santiago de Corneda, lugar da miña xinea paterna, polo que Bonaval resultoume chocante. Os monumentos funerarios de Rosalía de Castro e de Alfredo Brañas, -na capela da Visitación, ou de San Domingos Soriano- parecéronme pequenos. E os soterramentos de Francisco Asorey e Ramón Cabanillas, debaixo das lousas do chau, excesivamente modestos. Foi unha primeira impresión. Ó longo de máis de cinco décadas volvín, case sempre emocionado, innumerables veces.
Por iso, esoutro día, animei a Atheán a que me acompañase ó solemne acto institucional, convocado polo presidente do noso Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, co gallo da constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. O anxo, moi afeito á misión celestial de acompañar as almas dos falecidos na fe cristiá, na súa ascensión da terra ó ceo, interesouse polo asunto. Fíxome antes varias preguntas sobre a historia e o devir do lugar destinado ós restos mortais da nosa e nosos meirandes. En realidade, o meu amigo e confidente, non entendía moi ben a necesidade dun panteón común nunha igrexa de Santiago. Fermosa e arrodeada, na actualidade, dun parque que, noutrora, foi cemiterio.
Atheán, influenciado pola idea mitolóxica do panteón grecolatino, -agrupación de deidades destacadas do politeísmo- non consideraba na súa xusta medida o sentido secular da cuestión. Falamos, por suposto, do neoclásico e impresionante Panteón de París, concibido no século XVIII para honrar ós grandes personaxes da historia de Francia - agás os militares, que están no dos Inválidos-. Sería nesa época cando xurdiron os panteóns profanos para figuras heroicas, primeiro e, despoixa, para celebridades.
Faltaba o pai da patria, o Guieiro, o político que morreu no exilio, o excelso escritor e debuxante, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
O anxo foi entendendo, a medida que o informei, de que a iniciativa dun panteón galego nace ligada á reivindicación da identidade. Non por casualidade, Rosalía de Castro, a muller e poeta símbolo de Galicia, sería a primeira en ser trasladada alí, o 25 de maio de 1891. Seis anos despoixa do seu pasamento, tempo no que permaneceu, na terra, no cemiterio de Adina (Iria Flavia, Padrón), que ela cantara. Os emigrados en Cuba, axiña secundaron a idea do patriarca Manuel Murguía para erguer e pagar o mausoleo en mármore, obra de Jesús Landeira. E así sucesivamente, Alfredo Brañas, o pai do rexionalismo, posto fronte a Rosalía, en 1906. Cando lle tocou a un artista, foi o escultor Asorey (1961) e, logo, ó poeta da raza, Ramón Cabanillas, tamén trasladado, en 1967, desde o seu Cambados natal. Faltaba o pai da patria, o Guieiro, o político que morreu no exilio, o excelso escritor e debuxante, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que ocupou a capela do Cristo, envolto na bandeira da polémica, o 28 de xuño de 1984. E, por último, que non derradeiro, pon cume a tan ergueita e insigne representación un científico, o cartógrafo Domingo Fontán, en 1988.
Velaí a importancia. Coroar, mediante a unanimidade das forzas políticas parlamentarias, o goberno da Xunta, o concello de Santiago e a Igrexa galega, unha arela de finais do XIX. Deixo no aire o intelixente razoamento de Atheán: “non creo que o pobo galego queira andar cambiando ós seus próceres de eiquí para acolá, ben está o Panteón mais estendido á Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.”
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Gracias por tanto doctor
DE CAMBADOS A OURENSE
Condenado por dirigir una red de droga local pero absuelto del alijo de Perú
POSIBLE CONTAMINACIÓN
Axentes ambientais recolleron mostras do vertido na lagoa de Antela, en Sarreaus