Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
TRIBUNA
Hai uns días asistín, representando á Coral De Ruada, a un faladoiro convocado polo coro irmán Cántigas da Terra da Coruña para tratar do pasado, o presente e o futuro dos Coros Galegos. O acto, aberto ao público, celebrouse na Fundación Luís Seoane da Coruña. Da parte histórica -é dicir, do pasado- encargouse o musicólogo e profesor da Universidade de Vigo Luís Costa Vázquez, autor, entre outras moitas publicacións de “Os coros galegos históricos. A música dun tempo”, xunto con Inma López Silva, e “La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936”, a súa tese de doutoramento. Na súa brillante exposición, falou da enorme importancia que tiveron os Coros Galegos na conservación do noso rico patrimonio musical, así como da danza e do teatro. Referiuse ás vicisitudes polas que tiveron que pasar ao longo dos seus máis de cen anos de existencia, que provocaron a desaparición da meirande parte deles: soamente quedan catro dos máis de trinta que chegaron a existir no primeiro cuarto de pasado século. Tamén abordou as características diferenciais de cada Coro Galego, sinalando o caso particular de De Ruada que, dende hai xa moitos anos, abordou composicións de autores contemporáneos ademais dos repertorios popular e polifónico tradicionais.
De Ruada foi pioneira na creación dun coro infantil (1976) e dende hai uns anos vén mantendo colaboracións
A continuación tivo lugar un animado faladoiro, moderado polo propio Luís Costa, no que participamos os representantes dos catro Coros Galegos Históricos (Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela) e un representante dun Coro Galego de recente formación, Xacarandaina da Coruña. Puxemos de manifesto a enorme dificultade de manter nestes tempos estas institucións e, nese sentido, recoñecemos o traballo totalmente desinteresado das mulleres e dos homes que compoñen actualmente estes coros e dos milleiros de compañeiros que nos precederon. Malia ás dificultades, os catro Coros Galegos gozan dunha boa saúde, como o demostra o feito de que manteñen todos eles escolas de música tradicional -escola “Virxilio Fernández”, no caso de De Ruada-, de baile e nalgún caso ata grupo de teatro -taller de teatro “Xavier Prado Lameiro”, no caso ourensán-. A pesar da boa situación das institucións, constatouse que estamos a sufrir dende hai xa uns anos un problema que nos está a resultar difícil de solucionar: o relevo xeracional, sobre todo no que a voces se refire. Relatáronse distintas experiencias levadas a cabo para tratar de reverter esta situación: coros infantís, apertura do repertorio, colaboracións con outros grupos... De Ruada foi pioneira na creación dun coro infantil (1976) e dende hai uns anos ven mantendo colaboracións con varios coros infantís e xuvenís da cidade, nomeadamente co do colexio Padre Feijóo Zorelle, que dirixe María José Novo. Tamén foi pioneira De Ruada na apertura do seu catálogo musical xa que, como indicara o profesor Luís Costa, introduciu no seu repertorio, ademais da música popular e polifónica galegas, distintos tipos de pezas: música relixiosa, panxoliñas, música de autores clásicos e contemporáneos (G. F. Händel, J. S. Bach, F. Mendelssohn, W. A. Mozart, F. Schubert, P. I. Tchaikovsky, S. D. Jaroff, D. Bortnianski, F. X. Gruber, Ángel Barja, Antonio Jaunsarás, Manuel de Dios, M. Prieto Marcos, Raúl R. Pazo, José Ramón Estévez, Camilo Andrade, Mestre Vide, P. Manuel Feijóo, Juan José Rumbao, Xoán Antón Vázquez Casas, Ariel Ramírez, Zeca Afonso, Esther Gloria Prieto…), moitos deles ourensáns. Polo que fai a colaboracións, De Ruada ten actuado, colaborado e gravado nos últimos anos con músicos, cantantes e grupos de características moi diversas: Carlos Núñez, Brañas Folk, Treixadura, Cristina Pato, Os Melidaos, Castro Floxo, Óscar Ibáñez, Luar Na Lubre, Milladoiro, Rebulir, Andrew Cronshaw, Tigran Aleksanyan, Amancio Prada, Gomes Mouro, Juan Carlos Cambas, Bieito Blanco, Guezos…
Non obstante todas estas medidas, o relevo non está a ser doado. É moita a competencia das distintas actividades lúdicas, deportivas e, nos últimos tempos, do ocio derivado da informática. Pero somos teimudos e queremos crer que esta situación cambiará porque todas estas novas formas de lecer non poden ofrecer algo que si ofrecemos nós: a amizade, a convivencia interxeracional, un ocio activo, formativo e útil, a participación nunha actividade que nos identifica como pobo. Que así sexa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Ofelia Cardo exorciza las sombras del pasado
Emilio R. Portabales
TRIBUNA
Pasado, presente e futuro dos Coros Galegos
DIARIO LEGAL
¿Camino público o serventía?