Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Las elecciones insuficientes
En Galicia un xubilado ven cobrando de pensión arredor de 19.000 euros anuais, o 80% da base reguladora media, que representa a segunda taxa de substitución máis alta de Europa. Colle o autobús cunha tarifa bonificada e vai ao médico de cabeceira sen pagar nada, ao igual que ocorre coas medicinas. De súpeto hai que lle poñer unha prótese de cadeira que ao Sergas lle custa preto de 9.000 euros. Se o diagnóstico fose oncolóxico, o sistema cubriría integramente un tratamento que a Asociación Española Contra o Cancro cifra entre os 20.000 e os 100.000 euros. Se perdera autonomía, debería ter subsidiado o Servizo de Axuda no Fogar, que no mercado privado custa entre 15 e 25 euros a hora. Nada disto existía baixo a ditadura. Todo son conquistas democráticas financiadas con impostos. Case ninguén paga ao longo dunha vida o equivalente do que recibe.
A meirande parte dos médicos son resultado dunha formación que pagamos entre todos. O Estado inviste preto de 75.000 euros ao longo da educación preuniversitaria e sufraga o 90% do custo da carreira de Medicina, que ascende a uns 8.800 euros por alumno e ano. A residencia MIR engade de 200.000 a 225.000 euros brutos en salarios, máis un 30% de Seguridade Social, superando a factura por especialista os 270.000 euros. Se este emigra ou vira ao privado, perdemos uns 350.000 euros de investimento público. Mazzucato demostrou en The Entrepreneurial State que o xenio autodidacta é un mito, pois o iPhone de Jobs é un cúmulo de tecnoloxías financiadas polo erario, e até SpaceX do “emprendedor radical” Musk vive de contratos coa NASA. Detrás dun éxito individual hai décadas de aposta colectiva na que non reparamos.
Datos do pasado verán dan conta de 21.486 persoas que traballaban para a Administración en Ourense, o 19,6% da forza laboral provincial, fronte ao 14,2% de media española. A diferenza entre empregados públicos e autónomos é de tan só 708 persoas, cando en 2008 superaba as 9.300 a prol do traballo por conta propia. Desde 2020, o sector público xerou máis da metade do novo emprego na provincia. Esa masa salarial sustenta o comercio e os servizos locais. Sen ela, unha das provincias máis envellecidas do Estado, cun 32,1% de poboación alén dos 65 anos e sen músculo produtivo, perdería un sobranceiro motor económico. Son os impostos os que nos manteñen con respiración asistida. Ourense non depende do público, senón que -en certo modo- subsiste grazas a el.
O furor antiimpostos tamén ten artífices políticos
A máis recente enquisa de Opinión Pública e Política Fiscal do CIS rexistra que o 30% dos españois percibe os impostos como algo que nos obrigan a pagar sen saber ben a cambio de que. O Instituto de Estudos Fiscais constata que soamente o 68% dos menores de 24 anos considera os tributos necesarios, fronte ao 93% dos maiores de 65. A fenda non é casual. Referentes das novas xeracións como o “streamer” lucense Xokas, con máis dun millón e medio de subscritores, defendeu en “prime time” televisivo que aqueles que crean emprego non deberían sufrir as cargas do Estado. Carlos Adams, “consultor” afincado en Andorra, anima aos seus seguidores a evadir “impostos evitables”, chamando “mafia” a Facenda. A desafección impositiva non nace espontaneamente. Constrúese pedra a pedra.
O furor antiimpostos tamén ten artífices políticos. Sexa cal sexa o problema, a solución da dereita sempre é a mesma: baixar impostos. O modelo é Madrid, onde Ayuso bonifica totalmente o Imposto de Patrimonio, non atrae só empresarios, senón tamén rendistas de idade avanzada doutras comunidades e drena financiamento do resto do Reino a través dun dumping fiscal dopado polo efecto capitalidade. Precisamente, a presidenta madrileña non ten vida laboral coñecida fóra do ámbito político-partidario. Feijóo, funcionario do Corpo Superior da Xunta desde 1985, tampouco. E moito menos Abascal, concelleiro xa con 23 anos e que encadea postiños desde entón, que esixe desmantelar o Estado sen ter cotizado un só mes nunha empresa privada. Levan toda a vida cobrando do que queren suprimir. A incoherencia é o cerne do seu discurso.
Cando a dana arrasou Valencia en outubro de 2024, foron corpos de emerxencias, exército e fondos públicos ao rescate. Cando a covid-19 nos deixou na casa, os ERTE, hospitais e vacinación universal evitaron o colapso. As estradas que percorremos non caeron do ceo. Tampouco o tren do que nos laiamos. Nin portos e aeroportos. Alumeado, limpeza das rúas, augas, parques e xardíns, transporte e seguridade urbana non son maxia. Nin o comedor da escola. Nin os demais servizos e axudas, que sempre estimamos insuficientes. Todo conta cun financiador non tan invisible. Na fachada da axencia tributaria en Washington D.C. está gravada unha cita atribuída en 1927 ao maxistrado do Tribunal Supremo Oliver Wendell Holmes: “Os impostos son o prezo que pagamos pola civilización”. O discurso antiimpostos non é ideoloxía. É ignorancia do que custamos e insolidariedade con boa mercadotecnia. A patria non se leva nunha pulseira. Érguese con impostos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 28 de mayo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: jueves, 28 de mayo
OCIO Y BIENESTAR
La Xunta ofrece 1.300 estancias en balnearios para los mayores