Rosendo Luis Fernández
El AVE en Ourense
CASTELLUM HONESTI
Recordo que durante os case sete anos que exercín de presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, cada vez que me refería ós principais recursos turísticos que diferencian o seu territorio demarcado, máis polo miúdo á súa riqueza histórica e cultural, adoitaba afirmar que o variado patrimonio arquitectónico que posúe constitúe o conxunto das pegadas que esa historia foi deixando paseniño ó longo e largo da súa xeografía senlleira. Por aquí -aseguraba eu, sempre enchido dun sentido orgullo de caste- no decorrer dos séculos pasou moita xente; asentouse nel unha manchea de pobos con características étnicas e vitais distintas e cada un deles nos transmitiu en herdanza -de forma consciente ou non- a súa contribución perdurábel ó tesouro vital do noso xenio particular; coma se fosen os aloumiños dunha man que nos ama e que quedan impresos para sempre na tona da nosa pel, podería engadir hoxe.
No mesmo sentido, a través da voz de Solovio –ese personaxe adoptado a modo de alter ego, con funcións de vehículo para me expresar en determinadas ocasións-, sempre defendín que as lembranzas son aquelas pegadas que esa mesma historia -porén, agora concibida dende unha perspectiva máis íntima e individual-, vai depositando amodo, sen présa mais tamén sen pausa, na memoria de cada quen; igual que os bicos sentidos dunha persoa amada, cuxo tacto e sabor se imprimen con forza nos nosos beizos até conforma-lo recordo eterno dun proxecto de vida compartido, dunha forma ou doutra.
Da idea de que as pegadas aseguran a permanencia e maila continuidade, deriva a miña segunda conclusión
Consonte con estas dúas ideas primordiais, a conclusión inicial á que chego pode concretarse na aseveración de que as lembranzas representan o patrimonio intrahistórico de cada persoa; isto é, o tesouro que o tempo acumulou dentro de cada un de nós. Neste sentido, cada unha delas constitúe un deses fíos invisíbeis dos que adoito falar decote e que nos liga eternamente tanto ás nosas vivencias máis fondas, ás persoas coas que as compartimos como ás circunstancias -sexan estas humanas ou psicolóxicas; tanxíbeis ou intanxíbeis; materiais ou inmateriais- nas que se desenvolveron. Entendido dun xeito máis integral, o conxunto de tódolos nosos recordos conforma unha sorte de nobelo de ouro que non só asegura a permanencia da nosa historia -evitando que esta fique perdida no labirinto do Minotauro-, senón que garante tamén unha continuidade na mesma, baseada na ligazón rexa entre os elos do pasado e o presente co gallo de construí-la cadea vital que nos define coma persoas.
Da idea de que as pegadas aseguran a permanencia e maila continuidade, deriva a miña segunda conclusión. Posto que entendo que tanto o patrimonio arquitectónico-cultural como as ditas lembranzas persoais -cada unha no seu ámbito de acción: o plano histórico oficial ou o espazo intrahistórico- cumpren unhas funcións semellantes de conservación, de transmisión e de aseguramento dunha continuidade perdurábel; pódese afirmar tamén que ámbalas dúas constitúen unha das ferramentas máis acaídas para conseguir que o pasado -sexa este individual ou ben colectivo-, transcenda o papel pasivo que moitos lle atribúen e se erixa en actor principal do vivir cotián tanto das persoas coma dos pobos, ó mesmo tempo que lles proporciona os alicerces sobre os que facer pivota-lo seu futuro.
Formulado deste xeito, coido que o conxunto de tódalas nosas lembranzas -as individuais e as colectivas- representa un patrimonio da memoria que, afastado de calquera indicio de pasividade, pode converterse nunha praxe viva na medida en que a usemos como unha ferramenta básica para pensarmos, de forma continua, tanto a nós mesmos como á nosa identidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Rosendo Luis Fernández
El AVE en Ourense
Itxu Díaz
CRÓNICA DE INVIERNO
No es lo mismo ser primos que ser un primo
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
O patrimonio da memoria
Chito Rivas
Límite: 48 horas
Lo último