Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Arde Europa
DENDE SEIXO-ALBO
Estimado Antonio: por moito que te esforces e digas que Ourense é un deserto cultural, eu dígoche que un escambrón non pode dar uvas. A sensibilidade nace coas persoas e é unha virtude que, cando non se ten, só se acada se hai vontade de escoitar e, sobor de todo, de aprender e corrixir. Eu ben sei que iso precisa unha cura de humildade e un desexo de formarse e emendar erros.
Sempre entendín que, máis alá das ambicións que te levan a entrar e participar na política, hai unha serie de valores que un individuo debe ter para estar nun cargo público, como saber algo da historia do Concello onde vai representar ós cidadáns. Pois eses coñecementos poden mudar a túa forma de ver a realidade. Mais cando non é así e son outros os fins polos que se move a persoa, como pode ser o de acadar cartos e fortuna, o demais queda fora de xogo e soamente aparece como unha retórica verbal para quedar ben. Polo que todo é un conto que soamente cren os despistados.
No teu artigo do domingo pasado falabas da situación da Cultura nesta cidade sen mar. E tes moita razón. Estamos diante unha seca que comezou hai anos co ataque contra a Banda de Música do Concello por parte de quen hoxe é alcalde. Seica gastábanse moitos cartos nela. O asunto seguiu co peche do Museo Municipal da rúa Lepanto, que seica o queren converter nun bar para ir alí xogar a partida... e podería seguir. Xa ves, o asunto é premeditado como ti ben o dixeches: o que queira cultura que a pague.
Eu como cidadán nada espero desta corporación que non recoñece ás asociacións culturais, que nos chama “culturetas” de maneira desprezativa, cando debera ter un chisco de máis sensibilidade e responsabilidade
Mais este artigo teu levoume cara unha reflexión que pra min ten dous apartados. O primeiro é que hai quen confunde cultura con festas e entende o feito festivo de masas soamente como acompañamento do decibelio festivo e, se me apuras co vaso, non de auga na man e ve o rebumbio como un feito cultural, cando non é así, cando iso é festa, nada máis ca festa. As festas son necesarias, pero para min iso non é cultura, dado que esta leva en si outros valores e ten outros obxectivos que van máis alá da troula e do divertimento. A cultura, para min e pra moitos máis, é aquelo que tenta mellorar á xente facéndoa pensar e descubrindo novos aspectos da vida das persoas. Cultura é a visión crítica dos feitos e demais cousas que conforman a vida do ser humano. Cultura é creación, sensibilidade e non pretende o aborregamento nin despersonalización do individuo. Cultura é a beleza, e facer aflorar os sentimentos máis humanos. Cultura é saber máis e fuxir de todo aquelo que non embrutece, que nos fai ser críticos co acontecer e axuda a distinguir o grao da palla. Cultura é a base para ser mellores cidadáns.
A segunda proposta está referida a que, en casos como o noso, é moito mellor que esa Concellería que mestura o touciño coa velocidade e fai desleixo da xente que fai actividades culturais nos barrios onde non chega nin se lle espera a ese Concello se chame unicamente Concellería de Festexos. E non digo ren dos cartos que se van neses eventos, seguro que son moitos máis do que custa manter aberto un museo e ter unha banda de música ou ser condescendente cos que traballan neste eido con mínimas partidas económicas. Por iso o nome de Concellería de Cultura e Festas non cadra nun goberno de patrón. E digo patrón pois non hai concelleiros con personalidade propia nin criterio programático que fagan algo que vaia a prol da cultura. O nome é unha trampa para dar o pego. Por iso repito o que dixo quen hoxe manda nesa casa de todos: o que queira cultura que a pague.
Eu como cidadán nada espero desta corporación que non recoñece ás asociacións culturais, que nos chama “culturetas” de maneira desprezativa, cando debera ter un chisco de máis sensibilidade e responsabilidade. En fin, levamos moitos anos de seca cultural na cidade das Burgas, prezado Antonio E iso lémbrame a varios concelleiros que non nomeo pero que deixaron marca cultural. Pero si vou nomear un xa finado que tiña vontade de facer cousas nese eido cultural e que foi levado a xuízo, aínda que todo o denunciado quedou en augas de borralla. Si, como tantas máis cousas que aconteceron no Concello desta cidade sen mar. Un recordo para Balbino Álvarez, que polo menos foi un home con sensibilidade cultural. E ti non lle pidas uvas a un escambrón. Nunca as dará.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Arde Europa
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Pedirlle uvas a un escambrón
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
¿Mejor sin presupuestos?
Juan José Feijóo
El himno, todavía a secas
Lo último