O pelouriño de Bertiandos

Diarios do pasado

Publicado: 06 sep 2025 - 04:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai uns meses escribía neste xornal sobre o miliario do monte Lodoso, en Friol, elaborado para marcar as distancias na calzada romana denominada Vía XIX do itinerario de Antonino. Hoxe falareille de outro moi curioso actualmente situado en Bertiandos, freguesía da veciña localidade portuguesa de Ponte Lima. O achado tivo lugar na beira oposta do río Limia, no campo de Santo Amaro, parroquia da Feitosa. O traio a colación porque, ademais pertencer á mesma vía romana que o lugués de Lodoso, foi reutilizado cunha función moi curiosa, actuando na Idade Moderna como fuste dun monumento alí chamado “pelourinho”. O pelouriño, tamén denominado picota, é unha pequena construción habitualmente con base semellante a un cruceiro, cunha columna decorada ou non e remates variados coroándoa. É un símbolo da xustiza ou xurisdición dun lugar concreto -cidade, vila, etc.- e nela, en aplicación desa xustiza, cumpríanse penas por delitos. Algunhas poderían incluír castigos corporais, caso dos azoutes. Tamén se expuñan os reos para vergonza pública. De aí ven a frase “estar na picota”.

En Ourense tivemos unha. Aínda que se descoñece o lugar exacto, deu nome a unha rúa, actualmente a de Colón. Sabemos pola investigadora Olga Gallego que no ano 1559 incluso se axusticiou ao veciño de Mende Rodrigo de Ousende, por darlle morte a un caldeireiro. Despois trasladouse á actual Praza Maior e, en 1570, á Alameda do Cruceiro. Como lles dicía, o pelouriño de Bertiandos é un miliario romano reaproveitado, hoxe localizado no xardín do Conde de Bertiandos, Gonçalo Pereira. Estudado dende antigo por Contador de Argote, Brochado de Almeida ou R. de Araújo, o ano 2004 foi publicado de novo por Antonio R. Colmenero, S. Ferrer e R. A. Asorey. Esculpido entre os anos 235 e o 238 d.C., no tempo dos emperadores Maximino e Máximo, marca a milla XVIII dende Braga. Aínda que a inscrición é moi longa -dezasete liñas de texto-, incluímos agora o inicio, onde cita aos ditos soberanos: Imp(erator) · caes(ar) · G(aius) · Iul(ius) · Verus Maximinus · p(ius) · f(elix) · aug(ustus) · germ(anicus) m a x (i mu s) · d a c (ic u s) · max(imus) · sarmatic(us) · [m] ax(imus) pont(ifex) · max(imus) · trib(unicia) · pot(estate) · V imp(erator) · VII · p(ater) · p(atriae) · co(n)s(ul) · proco(n) s(ul) · et C(aius) · Iul(ius) · Verus· Maximinus…”. Foi interpretada e traducida polos tres últimos arqueólogos citados do modo que segue: “Ao césar emperador Gaio Xulio Vero Maximino, pío, feliz, augusto, xermánico máximo, dácico máximo, sarmático máximo, pontífice máximo, investido coa quinta potestade tribunicia, emperador pola sétima vez, pai da patria, cónsul, procónsul; e Caio Xulio Vero Máximo…”.

Como vimos, Ourense tamén tivo o seu pelouriño. Houbo que agardar ás Cortes de Cádiz para que, como símbolo dos señoríos das idades Media e Moderna, foran abolidos por medio do Decreto do 6 de agosto de 1811. É representativo o seu artigo 1º, “Desde ahora quedan incorporados á la Nación todos los señoríos jurisdiccionales de cualquiera clase y condición que sean”. Coa desaparición desas xurisdicións moitos pelouriños, en canto símbolo da autoridade suprimida, perden a función. A xulgar pola toponimia, non poucos desaparecen, restando tan só a lembranza da súa existencia. No caso na nosa cidade, onde houbo un pelouriño no que un día axustizaron a Rodrigo de Ousende, tan só queda del o nome perdido dunha rúa.

Contenido patrocinado

stats