Benito Iglesias
La lección del trabajo en equipo de la selección española
Ourense leva demasiado tempo falando de si mesma sen pensar en si mesma. O ruído público oscila entre a nostalxia e a queixa, sen que agrome un espazo estable onde analizar con rigor o que é e o que podería ser. Non existe tradición de pensamento organizado sobre a cidade e a provincia independente dos partidos e das institucións, nin tan sequera nas universidades cando estas funcionan por encarga ou en modo autorreferencial. Esa ausencia ten un custo real: os problemas diagnostícanse mal, as decisións tómanse por contaxio, intuición ou segundo lóxicas de partido, as políticas non se avalían e cada ciclo político comeza desde cero, sen acumular aprendizaxes útiles. A falta de ideas non é un problema cultural. É unha eiva de gobernanza que se pode corrixir. Para cubrir esa lagoa nace o Ourense Policy Lab (Oulab).
A denominación retida non é snobismo. Policy designa algo que galego e castelán non capturan nun só vocábulo, a saber, o conxunto de marcos analíticos, decisións e modelos que configuran a acción pública nun territorio. Escoller ese termo en inglés é tamén unha declaración de intencións. Ourense non pode pensarse só desde a autocompracencia do que se considera saber nin desde o illamento de quen cre que os seus problemas son únicos e irrepetíbeis. Precisa conectar cos debates que se producen noutras latitudes, deprender de experiencias comparadas, tecer redes con actores tanto próximos como alleos, e proxectarse cara ao exterior con humildade, consciente do que outros saben e fan, pero sen complexos nin sensación de inferioridade. Un laboratorio de ideas local que mira ao mundo non como fuxida, senón como método de traballo.
A falta de ideas non é un problema cultural, senón unha eiva de gobernanza que se pode corrixir
Diane Stone, profesora no European University Institute de Florencia e investigadora consolidada sobre” think tanks” nas democracias avanzadas, sostén que estas organizacións actúan de ponte entre o coñecemento experto e a decisión pública, pero tamén entre a academia e unha cidadanía que raramente é consultada sobre as cuestións que máis lle atinxen. O modelo de aspiración son institucións como Brookings en Washington, Chatham House en Londres ou Bruegel en Bruxelas: independentes do poder, ancoradas na realidade, con capacidade para influír nos grandes debates sen subordinarse a ningunha axenda electoral. Ninguén agarda que Ourense produza a vindeira gran síntese xeopolítica, pero si que aprenda a pensar os seus propios problemas con ambición de rigor e disposición a cuestionar o que se da por establecido.
Oulab constitúese como asociación sen ánimo de lucro e sen adscricións partidarias. O seu activo máis valioso é a xente que o compón: mulleres e homes formados e capacitados, algúns mesmo referencia recoñecida nos seus eidos, activos na universidade e na empresa, no sector público e na sociedade civil. Fillos de emigrantes que naceron, estudaron e traballaron fóra e chegan con outra mirada sobre o posible. Profesionais que un día decidiron retomar coas orixes e escolleron vivir e apostar o seu talento aquí. Ourensáns da diáspora, desde a burbulla comunitaria ata a Silicon Valley, cun ollo sempre posto na casa, inquedos e comprometidos co seu lar. Todos aportan algo distinto sobre o que esta cidade e provincia debe ser. Unha diversidade de traxectorias que conforma o cerne do proxecto e a súa principal garantía contra o pensamento de club.
O próximo luns 15 de xuño, no Liceo, Oulab promove o seu primeiro debate público sobre se é posible recuperar Ourense pola esquerda. O título é provocador, pero cun fondo rigorosamente analítico. Arredor do 55% do voto ourensán en 2019 foi progresista e, con todo, o resultado foi un goberno populista que en 2026 aínda se mantén no poder. Será que o bloque reformista privilexia un enfoque reactivo sobre o propositivo? Peca de improvisación onde tería que enarborar proxecto de cidade? Atópase illado de colectivos e veciños cos que deberían construír futuro? Non identifica problemas reais nin causas que defender? Segue a existir unha maioría social de progreso? Falla a organización? É inevitable a fragmentación? Pode Ourense ser allea á reflexión que percorre o Estado sobre como artellar un proxecto común de esquerdas capaz de construír maiorías? Non é un mitin, é o comezo dun proceso.
O destino de Ourense non está escrito, e desde logo non pasa polo inexorable declive nin a resignación. Non se trata de xestionar a desfeita con maior ou menor elegancia, senón de revertela sen paliativos. Esta provincia ten recursos, talento e xente disposta a traballar por ela, dentro e tamén alén dos seus límites. Gobernanza, democracia, economía, demografía, enerxía, innovación, cultura, patrimonio, transporte, urbanismo, vivenda, sanidade e benestar social son algúns dos eidos sobre os que Oulab se propón reflexionar e propor, coa certeza de que o pensamento meticuloso e independente é a mellor ferramenta para adoptar as mellores decisións. Ourense non só pode sobrevivir, senón situarse á fronte das cidades que saben cara a onde van. O traballo comeza agora.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Benito Iglesias
La lección del trabajo en equipo de la selección española
Társila Nóvoa González
TU FARMACÉUTICA INFORMA
Cómo proteger la vista ante el eclipse solar
Miguel Anxo Bastos
MI PLAN PERFECTO
Um dia feliz de verão
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
Mi gemelo digital
Lo último
español en el exterior
El director del Instituto Cervantes anuncia la intención de reabrir el centro en Gibraltar