A pequena milagre de Xantar

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 29 nov 2025 - 03:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Coma se se tratase dun ritual máis dos contemplados dentro do amplo abano de eventos que interiorizo coa bitola de prioritarios por mor da miña actividade profesional, a pasada fin de semana visitei unha nova edición da “Feira Internacional de Turismo Gastronómico” celebrada en Ourense. Porén, acudir a Xantar non só constitúe para min unha cita laboral ineludíbel con esa fiestra galega e ourensá aberta ó resto do mundo, senón que -por unha fonda convicción persoal-, representa moito máis: forma parte desa sorte de gramática vital ou código interior cos que me identifico e que adoito utilizar de xeito continuo e pleno. Asemade, esa visita anual substancia o meu sincero agradecemento como galego por un traballo incesante de semente da nosa personalidade diferenciada, senlleira e ancestral –neste caso, no eido alimentario- que este ano deu conta do seu viséximo sexto capítulo. Neste sentido, cómpre que principie felicitando a un equipo humano que, liderado por Rogelio Martínez, foi quen de agasallarnos cunha nova edición.

Como consecuencia directa e prístina desta efeméride, penso que a historia nos coloca diante dun fito que evidencia, ano a ano, a consolidación desta feira internacional como un dos eventos decanos dentro do conglomerado de accións que desenvolven a política de promoción institucional desa Galicia Calidade da que todos estamos cada día máis orgullosos e coa que nos sentimos totalmente autoidentificados. Expresado dun modo non tan metafórico coma puidese parecer, coido que Xantar obra esa pequena milagre anual de converter tanto á gastronomía coma ó turismo ligado a ela en ferramentas identitarias, económicas e mesmo diplomáticas que non só favorecen unha convivencia en paz e equilibrio entre a tradición e a modernidade galegas, senón que posibilitan unha coexistencia natural dos nosos tempos pasados e presentes; e a través da milagre desa convivencia, é quen de contribuír á construción do relato dun país pequeno en dimensións pero inmenso en riqueza, á debulla-la narración dun suxeito cultural e vital que dialoga en pé de igualdade co resto do mundo desde a súa autenticidade.

Ó mesmo tempo, amósanos o resultado de todo o esforzo inxente que desde esta nacionalidade histórica -este Finis terrae das sensacións derivadas dunha manchea de recendos e sabores-, se está a facer por nos colocar no centro do mapa económico mundial

Como apuntaba ó inicio do texto, levo anos acudindo a contemplar este escaparate da produción agroalimentaria da nosa terra que a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, “Expourense”, nos ofrece cando chega o tempo do outono, ese momento galego que expresa o seu esplendor entre a vendima e a castañeira, dito en verbas de don Ramón Otero Pedrayo. Ó mesmo tempo, amósanos o resultado de todo o esforzo inxente que desde esta nacionalidade histórica -este Finis terrae das sensacións derivadas dunha manchea de recendos e sabores-, se está a facer por nos colocar no centro do mapa económico mundial, demostrando que a condición de extremo xeográfico, lonxe de ser un límite, pode erixirse na plataforma máis acaída para a proxección internacional dunha singularidade que desafía con decisión á uniformización derivada da globalización.

A este respecto, teño dito nalgunha ocasión que nesta aldea global na que vivimos e na que os intercambios de ideas, de datos, de mercadorías e de persoas, operan a velocidades de verdadeiro vertixe -velocidades que dificultan a diferenciación e nos afunden paseniño nun mar de homoxeneidade-, ben está que exista unha sorte de escenario dende o que poidamos reivindicar con firmeza que o pequeno segue a ser fermoso, como dicía E. F. Schumacher. Por que, penso eu que é precisamente nesta partida -a do small is beautiful-, onde o país galego, como territorio con selo de calidade, pode saír a competir con tódalas garantías sen ter que nega-lo seu tamaño, só afirmando a súa sinxeleza e peculiaridade como vantaxes competitivas.

Contenido patrocinado

stats