O perigo exterior e as cuestións de fondo

Publicado: 01 jul 2025 - 02:55

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nesta conxuntura, no que o “occidente” ve cuestionada a súa hexemonía no eido económico e mesmo militar (malia que manteña a concentración de beneficios nas grandes empresas), o medre da precariedade e da pobreza vai en aumento, así como o estancamento e caída do PIB (agás excepcións transitorias, como no Estado español polo turismo, masificación da inmigración, baixos salarios...). Neste contexto mundial, como causa lóxica da globalización, boa parte da gran industria trasladouse a países da periferia pra aproveitar as vantaxes dunha mau de obra con condicións máis baixas en beneficio do capital, polo que foron gañando peso económico as potencias emerxentes. Ao que se sumou un maior crecemento demográfico, como consecuencia da oferta de emprego e unha mellora das condicións sociais. Un contexto no que o futuro amosase como máis complexo e con maiores atrancos en “occidente”.

Esta situación, á que lle deron pulo as potencias occidentais, en beneficio das súas clases dominantes, a única solución, pra aquele sector do capital aínda ligado no fundamental a países do vello centro do sistema pasa por poñer límites ao libre comercio. Algo que está intentando Trump, a través da aplicación de aranceis impostos como barreiras, porén que é moi difícil que dean resultados positivos polo o grau de interconexión entre as economías en determinados sectores produtivos esenciais, servizos globalizados, papel do dólar, hexemonía na comunicación, etc.

En poucas palabras, a competencia coa FR en materia militar non é no fundamental unha cuestión de cartos

Neste marco hai que entender tanto o fortalecemento do mundo multipolar, cuns BRICS en ascenso, como a perda tan rápida do control por parte de Francia das ex-colonias ao sur do Sahel, así como unha maior autonomía respecto de Washington por parte de México, Turquía, Paquistán, Brasil, Arabia Saudí,... Agora ben, sendo esta tendencia dominante, por parte de Estados Unidos e aliados, especialmente Reino Unido e a UE, vaise consolidando unha estratexia agresiva pra recuperar o mundo unipolar, fortalecendo o bloque occidental; ou cando menos que este teña un papel determinante, respecto de China e a Federación Rusa, e por suposto tamén en relación con outras potencias emerxentes. Daquela a aprobación no cumio da OTAN nos Países Baixos de chegar a un gasto do 5% do PIB, por parte dos países que integran este bloque militar, en tropas, armamento e áreas necesarias pra operacións militares. (súmanse os 800 mil millóns acordados pola UE?).

Trátase tanto de impoñer ao resto do mundo os intereses “occidentais”, como de utilizar a fabricación, investigación, e militarizar a sociedade nos países que xogaron ate hai tan pouco tempo un papel central, coa finalidade de converte o temor á unha guerra en locomotora da economía. Mais esta é unha trampa pra sociedade e faise a costa das condicións de vida da maioría social e hipoteca a democracia. Non hai razóns de peso como para pensar que a Federación Rusa vaia a atacar a UE, máxime cando tanto en povoación (448 millóns, fronte a 146) como o gasto militar (326 mil millóns de euros fronte a 119 mil millóns) a UE é hoxe moi superior á FR. Polo que, en todo caso é cuestión de calidade non de cantidade.

En poucas palabras, a competencia coa FR en materia militar non é no fundamental unha cuestión de cartos. Ademais, o aumento do gasto militar na UE debe saír dalgún lado: novos impostos? Reducir prestacións e servizos sociais (, axudas sociais, dependencia, pensións...)? En resumo, a dinamización da economía que hipoteticamente se gaña co investimento militar perdese en boa medida reducindo ingresos ás clases populares en beneficio do complexo empresarial industrial militar (esencialmente norteamericano). E, non se pode obviar, dáse pulo á militarización da sociedade, co que isto pode implica en dereitos democráticos.

Contenido patrocinado

stats