A por los perros

Publicado: 11 nov 2025 - 04:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A frase é curta, crúa e describe con precisión o nivel de desapego á vida e á autoridade co que as novas bandas do narcotráfico operan no noso país: “A por los perros”. Estas foron, presuntamente, as palabras proferidas polos sicarios dunha organización en Sevilla, en Isla Maior, Sevilla, cando este pasado fin de semana protexían un alixo de 700 quilos de hachís. Non se trata dunha escaramuza ou dunha simple resistencia á autoridade. Estamos a falar dunha exhibición de forza intimidante e, o que é máis grave, dun desprezo absoluto ao principio de autoridade. Un axente da Policía Nacional destinado no GRECO atópase grave tras ser intervido de urxencia.

Os narcos dispuñan de armas longas de guerra, tipo AK-47. Un arsenal propio de escenarios bélicos, que demostra un nulo desprecio pola vida de calquera que se interpoña no seu camiño. Esta nova forma de delincuencia, que durante anos puido parecer un fenómeno acoutado ao sur de España, xa non é ocasional nin exclusiva desa zona. A agresividade destas bandas, o seu modus operandi, cada vez máis violento, e a chegada de novos actores de ámbito internacional están a xerar unha escalada que non podemos permitir que continúe medrando.

A violencia vivida en Sevilla ten o seu perigoso eco no que aconteceu case simultaneamente en Toledo, onde outros traficantes recibiron, tamén a tiros, aos axentes da Policía Nacional do Grupo Especial de Operacións (GEO) e da UDYCO Central. Estes dous incidentes, en puntos xeográficos tan distintos, son o termómetro da perigosa deriva na que estamos inmersos.

É esencial golpear o seu músculo económico, debilitando a súa capacidade loxística e de intimidación

A sociedade e as institucións deben reaccionar con firmeza. Este non é só un problema de seguridade, é unha cruzada legal e económica contra unha lacra que gaña terreo. Nesta liña, a Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN) organizaba a pasada semana, na Academia Galega de Seguridade Pública, o II Congreso de Narcotráfico. As conclusións foron claras e deben ser tidas en conta con urxencia polo lexislador: ademais de esixir máis medios materiais e humanos para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, faise imprescindible unha maior dureza contra os narcos.

É esencial golpear o seu músculo económico, debilitando a súa capacidade loxística e de intimidación. Tamén é vital dotar aos investigadores dunha maior axilidade nas súas pescudas, sen que se vexan obrigados a desvelar ante os propios investigados durante a instrucción xudicial, os métodos e técnicas utilizadas. De non facelo, cada detido convértese nun “mestre” para os que quedan fóra, aprendendo dos erros e dificultando futuras operacións policiais.

Neste complexo contexto, é xusto e necesario poñer en valor o traballo que se está a facer desde as nosas comisarías, destacando a labor do Grupo de Estupefacientes da Comisaría Provincial de Ourense, que nos últimos meses levou a cabo operacións moi importantes e cruciais, desartellando redes e combatendo esta lacra na nosa provincia con gran profesionalidade. O seu esforzo, como o de tódolos axentes que loitan a diario contra o narco, non pode ser en balde.

Desexar unha pronta e completa recuperación aos axentes feridos nestas últimas intervención. Cómpre facer un chamamento á sociedade civil e ás institucións: é hora de unir forzas, de apoiar incondicionalmente a quen nos defende e de ser inflexibles contra un narcotráfico cada vez máis violento e que non dubida en disparar a matar. A loita é de todos.

Contenido patrocinado

stats