La Región
El derecho a morir
Escoitei a Cayetana Álvarez de Toledo en vivo e directo só unha vez. Foi en Ourense. En El Cercano. Hai cinco anos. Daquela andaba ela ás voltas con Vargas Llosa, Sabater, Boadella, e outros menos simpáticos, nun movemento que se chamaba LEI, ou sexa Libres e Iguales e que xurdira como reacción aos inicios do “proces” catalán... e non sei se terá intención de revivilo agora. En calquera caso, vina antes de que se metese no avespeiro da segunda fila do Parlamento.
En El Cercano, expuxo, calma e segura, as súas opinións pouco conformistas co estado do Estado. No coloquio, algúns -xentes de Ciudadanos ou de Vox avant la lettre- encirrábana en busca dunha expresión de “titulares” máis radicais. E o discurso dela esquivaba certas torpezas dos que a interpelaban. Falábanlle burdamente contra o galego, catalán, etc.; ela, políglota, retrucaba falando ben das linguas e mal das utilizacións políticas. Eles falaban contra o dispendio do estado das autonomías, e ela facía unha defensa clara do sistema, e sinalaba que o reparto de xestión -sanidade, educación- non era duplicidade de gasto; e consideraba o sistema autonómico como o ideal para un estado diverso, e sempre coa Constitución como norma xeral aprobada e asumida. Argumentaba que outros moitos países tiñan estruturas moi descentralizadas -Alemaña, Estados Unidos, etc. - pero a dificultade aquí, era a falla de lealdade das partes co conxunto e non a esencia da estrutura do estado, por iso había que facer pedagoxía política positiva do sistema e dar a batalla do relato, “a batalla cultural” que tanto lle gusta.
En fin, pareceume, na distancia, obviamente, unha moza culta, atractiva, e non sabería dicir se moi segura de si mesma ou prepotente. Unha opoñente temible. En calquera caso, a súa opinión era libérrima, sen concesións a conveniencias tácticas. E na entrevista que propiciou o seu cese, vexo que non cambiou. Non en van as palabras liberal e libertario son tan próximas. Cayetana sempre dirá o que lle pete, aínda que lle sexa inconveniente, porque cre ter unha superioridade intelectual que llo permitiría. E iso pode estar ben para grupos de opinión, think tanks, charlas, seminarios, etc. pero non para exercer algo tan cotián e gris como a organización dun grupo diverso que traballa na casa da transación e do acordo, como é o Parlamento. Alí, hai, incluso, que saber dosificar a razón.
Os elefantes nas cacharrerías rompen, tamén, os xarróns dos seus donos; pero á fácil cazalos: poden concentrar varios fogos á vez, como lle pasou a ela. Pero non debemos crer que polo seu nariz ergueito e ir sempre mirando o segundo piso do horizonte, ten razón o relato circulante do extremismo de Cayetana. As súas opinións -Constitución, Goberno de coalición PP-PSOE, feminismo amazónico, batalla cultural, etc. - son radicais no sentido de ir á raíz, pero non extremistas, aínda que, obviamente, non sexan as da táctica actual do PP de Casado. Aínda así, resulta ben curioso que neste momento, outras opinións máis fortes -ir contra a Casa Real, contra a Transición, contra a Constitución- teñan certa bula mediática e social por viren de certas moquetas gobernamentais. En fin, Cayetana, luz e lume, é pouco útil no Parlamento, pois tensa e incendia ese espazo de grises e matices que é como está concibida a política aquí e agora; o espazo e o momento onde traballar, os que diso teñan vocación. Imposible unha orquestra na que só destaquen brillantes agudos. Ou agudas, claro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
El derecho a morir
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Todo por Ourense?
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Cadaquén, da súa casa
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El desembarco de Simón
Lo último
DISEÑO LOCAL
La solidaridad está de moda en Allariz
NACIONAL SUB-18
Dos oros nacionales para el atletismo ourensano
ACTIVISTA IRANÍ
Los nobel exigen liberar a Narges Mohammadi
"ACCIDENTE LABORAL"
Las asociaciones de la Guardia Civil estallan contra Montero