A política do realismo

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 12 jul 2025 - 04:10
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Coma conservador político e vital que son, sempre defendín que son as persoas -non o Estado ou a nación, nin os partidos, nin moito menos as ideoloxías- as que deben ocupa-lo centro de toda acción política que se teña por tal: é dicir, os veciños constituirán o seu principio e maila súa fin. Esta afirmación, hoxe repetida coma un mantra máis até polos partidos en cuxo ideario subxugan a soberanía persoal ó mandato expreso dunha sacralizada nación, encaixa perfectamente tanto no estrato prepolítico coma no repertorio de principios teóricos e prácticos dun conservadorismo humanista que defende a liberdade e a dignidade persoais por riba de calquera outro valor, que apela á responsabilidade das accións individuais no que respecta ó interese do conxunto e, finalmente, que avoga pola necesidade de deseñar e implementar un proxecto social que, partindo dunha rica variedade particular, atenda ó global da comunidade a través do ben común.

Só así, dialogando dende o máis puro dos realismos e a través do mecanismo da participación, os representantes da res pública serán quen de coñece-la verdade na que viven os seus veciños e detectarán as súas necesidades.

Nun sistema democrático, a dita acción é desenvolvida polos partidos políticos quen, interpretando o artigo 6 da Constitución española de 1978, son ferramentas de representación social, constitúen as canles de participación do pobo na política e, en resumo, eríxense nun vehículo de expresión da vontade dos veciños nos asuntos que atinxen á res pública. Neste sentido, o seu obxecto é a canalización de ideas e opinións sobre o presente e o devir dun grupo humano e a súa substantivación nun abano de propostas e medidas coherentes coas necesidades sociais, dentro do marco que establece a súa natureza ideolóxica. Desde este punto de vista, entendo eu, tódolos partidos políticos, alén das preferencias de cada quen, forman parte do patrimonio común da sociedade na que operan e os seus representantes electos débense á comunidade á que serven e que, con esa finalidade, os elixiu.

Do dito até agora, derívase que a política é unha ferramenta ó servizo da sociedade; pero non calquera política, senón aquela que atenda ós problemas das persoas e se basee na participación cidadá, na escoita activa e mais na conexión constante coa realidade social. Dito doutro xeito, para ser verdadeiramente útil e eficiente, a política debe manter un diálogo permanente coa veciñanza e isto implica que os representantes electos non deben tomar decisións dende unha distancia que os faga descoñecedores das condicións de vida da xente -o veo da ignorancia-, senón que, pola contra, deben estar implicados, atentos e receptivos ás necesidades reais dos seus veciños.

Dende esta perspectiva e con toda a contundencia posíbel, afirmo que a actividade política, se quere cumprir coa súa finalidade principal e ser unha ferramenta socialmente eficiente, debe ser realista; isto é, ten que manter unha conversa continua coa sociedade á que representa. Só así, dialogando dende o máis puro dos realismos e a través do mecanismo da participación, os representantes da res pública serán quen de coñece-la verdade na que viven os seus veciños e detectarán as súas necesidades.

En poucas palabras, interpretando a Oakeshott, para min o progreso efectivo dunha comunidade como Galicia deriva dunha conversa activa, continua e non finalista, entre os representantes políticos e os galegos. Deste xeito, e mediante unha boa acción política, atoparanse na mellor das disposicións para implementa-las medidas que solucionen os problemas e garantan a xeración dun campo de oportunidades no que cada quen, usando os seus talentos e capacidades, e obedecendo ós códigos legais e morais comunmente aceptados, sexa quen de desenvolve-lo seu proxecto de vida en liberdade.

Contenido patrocinado

stats