Política e responsabilidade

DENDE SEIXO-ALBO

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Quen descoñece o pasado e non sabe da súa historia e non garda na memoria nin pregunta de onde ven, anda no mundo sen rumbo quedando a mercé do vento, dando tombos nun deserto sen atopar que beber. Para entendermos, este hoxe temos que ollar cara atrás e toparemos as claves do que acontece, do que está a pasar. E o pasado será luz que nos alumee o vieiro. Quen agocha e despreza o seu pasado vai errado, compañeiro. Quen descoñece o pasado e despreza a súa historia, perdido vai polo mundo: como un tarabelo da voltas.

Corren novas que falan de censuras sobor do mundo educativo e cultural. Os novos salvadores da patria xa van anunciando o que queren facer. O asunto vai en serio, pois se educar para ter un pensamento crítico é unha cuestión ideolóxica, mal imos. Se ensinar para coñecer o noso pasado recente molesta, aviados estamos. Volven os censores falando de liberdade como hai moitos anos. Eu sempre mantiven que quen descoñece o seu pasado e non sabe da historia particular e colectiva corre o perigo de petar contra a mesma pedra e cometer erros fatais. Ou sexa: volve a equivocarse pois non sabe distinguir o grao da palla.

Todo o demais, todo o que acontece o seu arredor, non é política

A gran maioría desta nosa sociedade está tan abstraída polos seus problemas que non é capaz de facer unha reflexión meditada para logo actuar en consecuencia. Con moita frecuencia escoitamos falar a xente que convive con nós que pensa que a política soamente é estar afiliado a un partido. Todo o demais, todo o que acontece o seu arredor, non é política. O prezo dos produtos ou o de mercar aquí ou acolá, eso non é política; o de ter unha sanidade pública ou privada, eso tampouco é política. Craso error, pois política é toda acción humana e toda relación social. É todo acto que facemos de maneira consciente.

Claro que unha cousa é a política partidaria e outra, a que como individuos particulares facemos. Moitas veces escoito falar a xente no bus dun desprezo da política, metendo a todas as persoas que de boa fe traballan polo ben social nunha comunidade no mesmo saco cos profesionais que son electos ou viven dun cargo. E din con certo desprezo: “ese éche un político”. Hai uns días, con isto da campaña electoral, veume á memoria as idas e voltas que dá a historia que imos tecendo como sociedade. E lembro cantidade de feitos e acontecementos que me chocan moito. Se falamos da emigración, moitos din: hai que botar fora a estes que hoxe viñeron doutros lugares. Pola contra, esquecen que milleiros de galegos fuxiron ou marcharon desta terra, uns por sentírense perseguidos e outros porque eiquí pasábase fame. Pregunto: para que vale a política? Pois, ademais de ser toda acción humana que afecta a unha sociedade e a todos os que habitamos neste mundo, serve pra mellorar a vida dos cidadáns. Ou sexa, que dende a acción humana máis pequena ate a decisión que afecta a milleiros de persoas, as consecuencia aféctannos a todos.

Falar da política con certo desprezo é un erro monumental. Outra cousa son as persoas que onte, hoxe ou mañá están no candeleiro da política. Pode que uns conten troulas; outros, que metan a man no saco común, e outros que embauquen á xente con milongas que repiten ate convertelas en verdades.

Hai uns días, nun debate a dous, un candidato contou moitas mentiras

Remítome ó que dixen ó comenzo, que non coñece o pasado cae nas redes da desinformación e valida mentiras pensado que son verdades. Hai uns días, nun debate a dous, un candidato contou moitas mentiras. E houbo xente que creu que eran verdades. Mais unha cousa debe quedar moi clara: a política é necesaria, aínda que saibamos que hai políticos que traballan polo colectivo, e outros que soamente van ó seu. E como todos temos ó dereito a exercer o noso voto, teremos que facelo con coñecemento e responsabilidade, sempre tratando de mellorar a vida en común. Precisamos avanzar e non camiñar para atrás.

Debemos saber que, nas sociedades onde non hai ruptura social e os cidadáns poden vivir con dignidade tendo asegurados os servizos públicos básicos, non se dan as revolucións sociais. Pola contra, se acontece que a diferencia de clases é moi grande, aparece a ruptura social e un enfrontamento revolucionario. Asi que, ollo ó dito: non camiñemos cara atrás crendo en falsos apóstolos que hoxe falan de liberdade e ameazan con recortar os servizos públicos que tanto nos custou acadar.

Contenido patrocinado

stats