Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
CASTELLUM HONESTI
Hai uns días tiven a honra de se-lo pregoeiro da IV Festa do viño novo de San Amaro; unha acción que busca a promoción e dinamización deste concello ourensán pero que, co tempo, converteuse tamén na fogueira que mantén vivas as lapas da súa tradición vitivinícola. Durante os case once anos que dirixín a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, gocei dunha relación con San Amaro que superou o plano institucional. Por unha banda, representou conceptualmente o espello dun rural galego que loita enrabechado por fuxir do seu esmorecemento amosándose coma un espazo con vocación de afirmarse cada día non só como o escenario no que actúan as nosas tradicións, senón coma un berce de oportunidades aínda por desenvolvermos en toda a súa potencia e plenitude.
Neste sentido, sempre defendín que o rural precisa dun tratamento coma cuestión de estado a nivel español e coma un compromiso de país en Galicia. Un compromiso que principia nos propios concellos como chanzo político máis achegado ós nosos veciños. A este respecto, non esquezamos que os servidores públicos contribuímos a construí-lo presente e o futuro a través de xestiona-los recursos ó noso dispor pero que tamén influímos na vida das persoas por que tomamos decisións fundamentais que marcan a diferenza entre a vida e a morte dun territorio, entre deixalo nas mans da desidia e o interese particular ou, en troques, preparalo para o combate polo seu propio futuro. Lembremos tamén que temos que actuar pensando só no interese xeral mediante accións dirixidas a xerar oportunidades que permitan o desenvolvemento persoal de cada quen, dentro dun proxecto común. De facelo así, teño por certo que o resultado será a revitalización dun rural que recuperará a senda do seu futuro e, canda el, Galicia achegarase ó seu pleno desenvolvemento como país.
Confeso que, aínda hoxe, adoito visitar dous lugares que ocupan un posto sobranceiro meu álbum de sitios simbólicos e senlleiros: San Cibrao de Lás e San Trocado
Pero existe outra compoñente máis íntima e persoal nesa relación que manteño con San Amaro. Como na canción de Sabina, hai ano e medio dixen que marchaba pero quedaba e consonte con este xuramento confeso que, aínda hoxe, me agrada vir a un concello –dalgún xeito, de fronteira-, onde non é necesario movelos marcos que limitan as comarcas do Carballiño e do Ribeiro por que se dilúen eles sos dando paso a unha unidade histórica, patrimonial e, para min, de memoria viva. Confeso que, aínda hoxe, me agrada subir dende Razamonde seguindo a estela dunha estrada que, entre rebelde e aventureira, agatuña polas pendentes que conducen cara a parroquia de Eiras coma se fose unha serpe gris que con cada movemento do seu corpo, debuxa un vieiro que, xeneroso e nobre, me permite obxectiva-la paisaxe ó tempo que comprobo, dende as alturas, unha estampa grandiosa: a ledicia con que o pai Miño entoa unha oda heroica para celebra-la súa entrada triunfal na terra histórica do Ribeiro.
Confeso que, aínda hoxe, adoito visitar dous lugares que ocupan un posto sobranceiro meu álbum de sitios simbólicos e senlleiros: San Cibrao de Lás e San Trocado. Uns lugares máxicos nos que me sinto pertencente a esa Galicia que se pensa e onde son quen de perde-la percepción do tempo mentres desenvolvo un exercicio de contemplación que me permite facer unha lectura espiritual da terra que afonda no meu sentimento de pertenza a unha etnia secular. Uns anacos xeográficos que, diante dos meus ollos, alcanzan a categoría de territorios emocionais alicerzados, como a historia de Galicia, neses motores inmóbeis que son a grandeza e a continuidade secular. Por que sempre tiven claro que o noso país cando se estudia baixo o prisma da emoción e coa guía do espírito, demóstranos que a terra non só se percorre, senón que se escoita, se respira, se interpreta, se habita mentalmente e se concibe no interior coma unha memoria ancestral que permanece viva en cada un de nós.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El sanchismo paga bien
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Sin indicios de paz
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
91 coches matriculados al día
Lo último
REGULARIZACIÓN DE MIGRANTES
El Gobierno desmonta los bulos sobre el proceso de regularización de migrantes en España
VISITA AL VATICANO
Pradales se reunirá con el Papa el 13 de mayo en el Vaticano