Pilar Cernuda
Una sentencia que traerá cola
O historiador e expresidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández publicou en 1982 a Historia Contemporánea de Galicia (edicións Gamma - A Coruña). Os dous primeiros tomos (a obra consta de catro) tratan da historia política de Galicia, o terceiro estuda a Historia de la Cultura Gallega (siglos XIX-XX) e o cuarto mergúllase na historia da economía galega. No terceiro tomo, ao tratar das agrupacións culturais e folclóricas, refírese á Coral De Ruada nestes termos: “Es sin duda la coral más galardonada de Galicia”.
A Coral De Ruada foi fundada o 5 de outubro de 1918 e fixo a súa presentación no desaparecido Salón Apolo de Ourense o 24 de xuño de 1919. Soamente dous meses despois, o 24 de agosto dese mesmo ano, obtivo o seu primeiro recoñecemento en Mondariz, no Gran Certame de Coros Galegos organizado Con motivo d’o descubrimento da estatua do ilustre galego fundador do Balneario de Mondariz D, Enrique Peinador Vela, no que obtivo o Premio de honra. Cómpre sinalar que o presidente do certame era, nada máis e nada menos, o egrexio músico Frei Luis María Fernández Espinosa.
De Ruada organizou dous novos festivais no Salón Apolo o 9 e o 10 de marzo de 1920. O éxito acadado foi tal que o famoso empresario de locais cinematográficos ourensán (de S. Xoán de Arcos, O Carballiño) Isaac Fraga Penedo desprazouse dende Vigo, onde residía, a Ourense co obxecto de contratar ao coro ourensán para realizar unha xira de dúas semanas -entre os días 3 e 18 de abril- polos seus teatros de varias localidades galegas: teatro Odeón de Vigo, teatro Principal de Pontevedra, teatro Principal de Santiago de Compostela, teatro Rosalía Castro da Coruña, teatro Jofre de Ferrol e Teatro-Circo de Lugo. Durante a estadía do Coro De Ruada en Ferrol, concretamente o 16 de abril, a Empresa Fraga fixo entrega a De Ruada da súa primeira bandeira, realizada polo pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño -que traballaba para a citada empresa- no seu taller de Santiago. Esta simbólica e prezada bandeira é, moi probablemente, un dos galardóns aos que se refire Xosé Ramón Barreiro. Como, seguramente, tamén o serán a bandeira da Casa de Galicia de Cádiz polo éxito acadado por De Ruada na cidade andaluza en 1927, as bandeirolas agasalladas pola participación en varios actos en Madrid concedidas por José Calvo Sotelo, Severiano Martínez Anido ou as Deputacións de España pola participación na homenaxe ao Rei Afonso XIII. Tamén tivo en conta Barreiro, seguramente, a Bandexa de Prata do Centro Galego de Bos Aires concedida a De Ruada na sua xira de tres meses (ofrecendo 180 festivais!) por Sudamérica en 1931, visitando Arxentina, Uruguai e Brasil.
É certo que todos estes recoñecementos son moi importantes, o que explica que chamaran a atención de Xosé Ramón Barreiro ata o punto de deixar escrita a frase sinalada ao inicio, pero, á vista do que ocorreu nos anos posteriores a esa publicación, o prestixioso historiador debeu quedar abraiado co aluvión de premios e recoñecementos concedidos a De Ruada, premios que, por outra banda, non fan máis que corroborar a súa afirmación: Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984), Pedrón de Ouro (1990), Medalla de Galicia na categoría de Bronce (1992), Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994), Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994), Premio “Manuel Lorenzo” do Real Coro Toxos e Froles do Ferrol (2002), Medalla “Gaiteiro de Soutelo” (2007), Premio IAR da Coruña (2008), Medalla de Ouro “Marcial del Adalid” da R.A.G. de Belas Artes “Nª.Sª do Rosario” (2009), Medalla Castelao (2013), Orgullo Gaiteiro de Ourense (2015), Premio Trasalba (2018), Premio Adolfo Enríquez de Vilanova das Infantes (2019), Premio Rebulir de Ramirás (2019). Como Barreiro morreu o 17 de marzo de 2021 non puido coñecer que De Ruada recibiu en Trasalba o Premio Otero Pedrayo en 2024.
Estes premios non son máis ca un xeneroso recoñecemento a 107 anos -case 108- de historia e de traballo entusiasta e desinteresado de centos de mulleres e homes que pasaron por De Ruada. Que sigan a pasar moitos máis e que vostedes os poidan ver e escoitar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
TAMBIÉN EN NÚMEROS ABSOLUTOS
El Concello de Ourense lidera la deuda por vecino en España
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, martes 23 de junio?