Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Boxer, slip, tanga o nada
O outro día con motivo da morte do grande Beiras, un amigo de Santiago, quen por certo está concluíndo un libro de entrevistas en plan humano con el, escribía unha evocación da súa vida nun xornal coruñés. Comentaba que Manuel Beiras pai -un galeguista de base moi interesante, impulsor da misa de Rosalía e da Fundación de Padrón, da celebración do Día do Traxe Galego en Santiago, e por demais, membro do Partido Galeguista e logo da alianza esquerdista deste, do grupo social cristián Dereita Galeguista- fixera que seu fillo Xosé Manuel estudara no ensino privado nunha academia posta por mestres que non podían exercer na pública. A dicir do autor do artigo, e seguro que seguía o que lle comentara o propio Beiras, era que non querían que se educase na escola franquista. O tal colexio acabou sendo o Peleteiro de Santiago.
Ben, pois coma todo na construción da historia, con matices. É obvio que o ensino privado -sobre todo en Santiago- tiña un marcado compoñente de clase. Certamente el, un “burgués polos catro costados”, como indicou seu fillo Ricardo noutra colaboración de prensa de estes días, era o típico neno do medio social do ensino privado. E os que sempre fomos á escola pública -mandase Franco ou o Carracucas- non nos adoitan gustar estas expresións de menosprezo cara ao público. Porque os que na escola cantamos o “Cara al Sol”, o “Prietas las filas” ou o “Montañas Nevadas”, pódolles asegurar que nin estabamos máis “aferrollados”, nin saimos máis franquistas nin menos cós da privada. É máis, igual serviunos de vacina aquela trapallada da Formación del Espíritu Nacional. E desde logo, no tardofranquismo, contabamos con moitos máis profesores progres que na privada. E comentando isto cuns amigos, falamos das bromas que sempre -polo menos na nosa época- se fixeron cos himnos. Se o de España non tiña letra -a pesar de Pemán, de José María Pemán, o poeta franquista, non o home do tempo- pois os rapaces puxéronlle aquela de “Franco, Franco que tiene el culo blanco porque su mujer lo lava con Ariel, mientras Sofía lo lava con lejía y su coronel, lo lava con Vernel...”.
E comentando isto cuns amigos, falamos das bromas que sempre -polo menos na nosa época- se fixeron cos himnos.
E, para miña sorpresa, a miña muller, desde hai case un franquenio que diría o profesor don Carlos Alonso del Real para falar de 40 anos, contounos a letra coa que cantaban o “Cara al Sol” elas xogando: “Cara al sol que me pongo morena y el flecha no me va a querer. Y no me importa que el flecha no me quiera, que me quiere el requeté. El requeté me compra caramelos, y me lleva al cine siempre que yo quiero. Arriba España y a vencer, que me caso con el requeté”. E como nunca tal oíra, como me chamaban a atención esas cousas xa pasadas de moda daquela -o dos “flechas” os máis novos da OJE aínda podía soar, pero o dos requetés, os monarquicos carlistas, xa nada; e desde logo, xa non estaba mal visto o de estar morena, como antes, asociado a traballo no campo- mirei na rede, e esa letra víñalles da época da Guerra Civil e do eterno conflito entre falanxistas e requetés.
Por certo que o punto máximo deste enfrontamento foi cando un falanxista especialmente atolado, Juan José Domínguez Muñoz, tirou, o 16 de agosto de 1942 á saída dunha misa na Basílica de Begoña en Bilbao, unha bomba de man contra requetés, estando alí o ministro do exército, xeneral Varela. Houbo mortos e feridos. Foi fusilado o tal falanxista -e seica espía nazi- o 1 de setembro por vontade de Franco. Hitler enviáralle un propio para pedir clemencia, e o ferrolán contestoulle: “Si. Tal vez debería llevar una medalla, pero mire usted. lo tengo que fusilar”. Hitler, enfadado, outorgoulle ao atolado a Cruz da Orde da Aguia Alemá, e Franco aproveitou para cesar ministros falanxistas e requetés, e ilos botando do centro do poder para quedar cos que lle interesaban máis, os franquistas puros e duros, sen apelidos. Sen outras querenzas máis ca a el.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DERRUBO DUN HÓRREO
Vilameá: cando o abandono rural supón perder a memoria
Nueva tecnología
¿Dispositivos portátiles para prevenir infartos?