Alfredo Conde
A TIRITA
Os prodixios do Sistema Literario Galego
A TIRITA
Teño varios libros pendentes de lectura. Fun mercándoos a golpes de intuición, tamén por razóns de índole afectiva e mesmo hai entre eles algún co que me agasallaron. Non sei se lamentablemente, tendo a ler primeiriño de nada os de orde afectiva, escritos que foron por amigos e que sempre son os que máis preocupan, e así, léoos un pouco ás agachadas: non sempre me gustan e, por tanto, non escribo nada deles, facelo, escribir ó respecto, non os vai millorar e o mesmo séntalle mal ó amigo e non lles están os tempos pra perder os poucos que a idade provecta vai deixando en pe.
Anos houbo, hai xa moito deles, nos que as editoriais patrias, as carentes de ánimo de lucro e as que si o teñen (con todo dereito, conste) me pasaban as súas novidades. Hai tanto tempo delo que nin eu mesmo me acordo daqueles anos xenerosos. Enviábanmos, coido eu, malia saber que o meu non era, nin o é, a crítica literaria senón facer certa aquela sección que tiña o Carlos Casares titulada “A ledicia de ler”. Xa só nos acordaremos dela os máis vellos da tribo. Iso é xustamente o que me gusta pensar que comunico: a ledicia que me proporcionou a lectura deste ou daquel libro con independencia do nome do seu autor.
Notáselle a algúns dos nosos actuais críticos que a miúdo nos comunican a ledicia que sentiron ou que se limitan a facer unha pequena recensión dando conta da aparición nos andeis das librerías da obra dalgúns afíns ós seus postulados políticos, relixiosos e mesmo deportivos. Un do Celta dificilmente vai non xa eloxiar, senón tan só dar conta da existencia dun libro dun siareiro do Depor, e viceversa? Non hai casos. Como me respondeu a min unha señora con brillante traxectoria político-cultural, falar ben dalgún autor non está ben visto nos ambientes nos que ela andaba.
Que pasaría coa literatura galega se de súpeto desaparecesen os apoios gobernamentais a ela? Que editoriais sobrevivirían? Que autores e por que?
En ocasións penso se vivimos en e do puro disparate. Debo recoñecer que os tres primeiros parágrafos desta tririta de hoxe, parécemo a min, son consecuencia, e si que o son, dos días que vivimos; días nos que as argumentacións preelectorais aboian preñadas de todo o que, xa que non na vida política, debera estar ausente na vida literaria. Unha utopía, claro. Nunca foi así e non vai comezar a selo a partir de hoxe. Nin na política -e, algo menos, nin na literatura- cando na súa práctica conviven xentes adictas ós distintos credos que hoxe se pregoan.
Nen sequera os políticos deberan ignorar a potencia literaria dun texto como o de Luis Ferdinand Céline titulado “Voyage au bout de la nuit”, ou mesmo a grandeza poética da obra de Ezra Pound. Cito a ambos, debo confesalo, porque estes non son os mellores días pra falar dalgún que outro bo novelista e dalgúns que outros grandes sonetistas (que ben se lles da o soneto ós de dereita extrema!) hoxe xa case que totalmente esquecidos. Escribo totalmente porque case esquecidos están tamén ós grandes autores españois do século pasado e veremos o que sucede cando empecen os recortes que se anuncian e aveciñan, gañen uns ou gañen outros.
No noso ámbito, niso que se lle di Sistema Literario Galego, é doado predicir o que vai pasar vendo o que está pasando. Hai unha pregunta terrible que me vou atrever a formular con independencia dos xa algo lonxanos tres primeiros parágrafos. Aí lles vai: Que pasaría coa literatura galega se de súpeto desaparecesen os apoios gobernamentais a ela? Que editoriais sobrevivirían? Que autores e por que? Cales outros sobrevivirían e a causa de que o farían?
Vivimos anos prodixiosos, é certo, pero deberemos ter en conta que os prodixios son, segundo nos aclara a nosa RAG, “acontecementos extraordinarios que parecen ou son contrarios ás leis da natureza”. Cando o Goberno tripartito funxíu como tal, atopou seiscentos mil libros en galego nos almacéns da Xunta. Cando Fraga cesou nas súas funcións deixou dous millóns e medio de libros neses mesmos almacéns. Non houbo intervencións parlamentarias a tales efectos; logo, daquela do Goberno bipartito, cantos miles de libros galegos foron enviados a unha Feira do Libro na que non se poden vender libros e nese país anfitrión non se fala unha palabra de galego. Prodixios. Estaremos xa tan afeitos que nin decatármonos deles?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DOS OPERACIONES SUSPENDIDAS
El quirófano de Verín encadena cancelaciones por la presencia de insectos
REHABILITACIONES DE PREMIO
Dos proyectos para recuperar el patrimonio rural de Beade y Vilamarín, premiados por su arquitectura
MODERNIZACIÓN DEL ESPACIO
La Plaza de Abastos de O Carballiño entra en su proceso de reforma