Si, eu quero o cambio

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 14 nov 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nun contexto de declive económico que desembocaría na peor crise dende 1929, acompañado dun clima de fatiga social provocado polo desgaste das guerras de Iraq e Afganistán durante a presidencia de George W. Bush, o “Yes, we can” de Barack Obama converteuse nunha afirmación chea de optimismo, de esperanza e, sobre todo, de confianza na capacidade da sociedade norteamericana para impulsa-lo cambio necesario. Aquel lema inspirouse no “Si, pódese” acuñado nos anos setenta polos dirixentes do sindicato United Farm Workers (UFW), César Chávez e Dolores Huerta, na loita polos dereitos civís e laborais dos traballadores agrarios; porén, nos beizos do senador de Illinois soou a unha mensaxe directa ó corazón dos seus veciños que apelaba ás vontades individuais e á súa unión coma motores da transformación social, política e económica. Velaí como, unha vez máis, a historia ensina que non fai falla planear fórmulas complexas xa que a simple combinación de tres palabras é suficiente para demostrarlle ó mundo que, cando se quere, o desexado pode ser posíbel e que se as cousas non van ben, un movemento social decidido e unido é quen de impedir que sigan eternamente como están. Pois ben, coido que esa é a reflexión que cómpre trasladar hoxe á sociedade española.

O vindeiro 29 de novembro, os españois teremos nas nosas mans -por fin-, a capacidade de recupera-la confianza en nós mesmos e demostrarnos que, como sociedade, somos quen de cambia-las cousas e decidi-lo rumbo do noso futuro en común, deixándolle-lo paso libre a unha nova etapa política. Estou totalmente convencido disto; por iso, hoxe afirmo dende esta tribuna: si, eu quero o cambio.

Quéroo porque para min gobernar non consiste en improvisar para saír do paso, nin en satisface-los caprichos duns poucos a conta dos recursos de todos. Pola contra, é dirixi-los destinos do conxunto dende a responsabilidade e a eficiencia; isto é, demostrar capacidade de análise e decisión dende o realismo, aproba-los orzamentos, impulsa-las reformas necesarias e ofrece-las respostas que os veciños precisamos. Por iso, despois de oito anos de goberno de Pedro Sánchez, coido que España reclama unha cousa ben distinta do que ten: reclama estabilidade, certezas, unha folla de ruta clara e un proxecto de vida en común deseñado para permitir que cada quen desenvolva o seu proxecto particular.

Quero o cambio porque a realidade que vivímo-las familias non debe quedar eclipsada polos chios de X nin por un relato político prefabricado e amplificado polas cámaras de eco que nutren as redes sociais. Pola contra, a realidade da vivenda, do custo da vida, das dificultades dos mozos para emanciparse e da presión impositiva sobre os particulares, os autónomos e as empresas, esixen solucións reais, eficientes e urxentes. Neste sentido, requirimos máis oferta de vivenda, seguridade xurídica, unha fiscalidade razoábel e unha administración que, no canto de engadir eivas a quen crea riqueza e emprego, facilite e impulse unha actividade económica que poida xerar oportunidades e mellora-lo benestar das persoas.

Quero o cambio porque gobernar non consiste en soster caudillismos que ocupan as institucións e aspiran a permanecer indefinidamente nelas a calquera prezo, aínda que lles supoña seren reféns das necesidades parlamentarias de cada intre. Pola contra, penso que as institucións, e quen as ocupa, deben ser exemplares, transparentes e estar ó servizo de tódolos cidadáns e non das conveniencias particulares de ninguén. Unha sociedade que quere progresar non pode vivir instalada na negociación permanente da súa gobernabilidade e moito menos, sentirse condicionada por maiorías fráxiles ou presa de acordos que dificultan centra-la atención naquilo que de verdade importa: o interese xeral.

No ano 2008, o “Yes, we can” de Obama non prometía un cambio doado pero si afirmaba que dependía da xente e da súa vontade unánime; e triunfou. O vindeiro 29 de novembro, os españois témo-la oportunidade de darlle paso a outra maneira de face-las cousas: a recupera-la estabilidade institucional, a previsibilidade económica, a responsabilidade na acción pública e unha política centrada nos problemas reais da sociedade.

Por iso, “Si, eu quero o cambio”; porque creo que, xuntos, seremos quen de recupera-lo noso futuro.

Contenido patrocinado

stats