Afonso Vázquez-Monxardín
Por unha nova alerta no móbil
Vivimos nunha sociedade libre e de información instantánea, todos sabemos o que pasa sempre. E o Estado ten o privilexio -e xa, de feito, a obriga- de avisar os cidadáns de cuestións importantes vía móbil. O outro día cadroume estar nun restaurante de Girona, eramos nove, cando nos chegou aviso de que nos preparásemos, pois ía chover a cachón. Poden imaxinar o concerto de ducias de aparellos coas alarmas iguais soando á vez en todas as mesas. (Despois non caeu nin pinga e mellor así). Os espaguetes -remexidos no interior dun queixo grana padano enorme- estaban deliciosos polo que a pausa para apagar os aparellos foi minúscula, pois “todo o que quece, arrefece” e non queriamos comelos fríos. E si. Creo que esta vía, o móbil, é a mellor para informar. De feito, xa nos chega todo por aí: as citas médicas, as transferencias, as inauguracións, etc. Moito papel e sola de zapato se aforra. Está claro que estamos conectados e que xa é case imposible facer trámites lonxe de ordenadores e teléfonos. Á xente nova parécelle o natural; os demais, ímonos afacendo.
Ben, pois como xa é universal esa comunicación unidireccional do Estado co cidadán propoño señores do Goberno futuro -sexa cal sexa- incluír un novo servizo de aviso telefónico que elimine perdas de tempo e aforre esforzos e traballos a administración e patronais e sindicatos. Refírome á información de procedemento en folgas. Sindicatos e patronais xa informan constantemente das súas posturas aos traballadores. E logo, a Administración, como árbitro, debería avisar os interesados, mediante unha mensaxe, dos procedementos. No caso das folgas xerais, a información debe chegar a todos os cidadáns do Goberno central; no caso das de empresa ou sector, aos traballadores correspondentes, desde as consellerías ou delegacións de Traballo. Algo rutineiro. O corpo da mensaxe debería constar de catro partes: unha, sinalar as características da folga -ámbito de afectación, sindicatos que a convocan, data e horario de principio e fin, etc.-; dúas, lembrar o inalienable dereito á folga do traballador ao que ningún empresario se pode opor; tres, lembrar o inalienable dereito ao traballo da persoa que non comparta a proposta de folga, e catro, incluír enlaces para denunciar de inmediato a “patróns” que tratasen de forzar o traballo, ou a “sindicalistas” que tratasen de impedilo.
E dado que todos os cidadáns somos entes pensantes e informados (seica por iso podemos votar), decidiríamos se imos á folga ou non, só en función do que consideremos. A de traballo, cartos e solas de zapatos -e altavoces- que se aforrarían os sindicatos grazas á colaboración do Estado á información directa e inmediata de dereitos aos traballadores. Non se terían que erguer os sindicalistas a horas intempestivas para formar “piquetes de la libertad” -así lle chamou na tele o Pepe Álvarez- pois xa estaría todo o mundo informado oficialmente dos seus dereitos. A de cartos que se aforraría o Estado sen ter que desprazar policía a sitio ningún. Maioría de idade democrática. O cidadán, o traballador, decide. A min tanto me ten que me berren “abilloei, pasa para dentro, meu”, como “abilloei, pasa para fóra, bro”, pois a coacción é sempre fea. E delito. O artigo 172 do Código Penal defínea: “O que, sen estar lexitimamente autorizado, impedise a outro con violencia facer o que a lei non prohibe, ou o compelese a efectuar o que non quere, sexa xusto ou inxusto, será castigado coa pena de prisión de seis meses a tres anos ou con multa de 12 a 24 meses, segundo a gravidade da coacción ou dos medios empregados. Cando a coacción exercida tivese como obxecto impedir o exercicio dun dereito fundamental imporánselle as penas na súa metade superior, agás que o feito tivese sinalada maior pena noutro precepto deste Código”.
En fin, creo que a alerta oficial no móbil coa convocatoria e dereitos inherentes, reforzaría a liberdade e a responsabilidade. Os piquetes, en democracia, non poden existir. Tan ridículo como se o día das eleccións fosen “tanguer” na xente para que votase a este ou a estoutro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Nuevo desarrollo
Emiratos desvela el diseño de su nuevo puerto para superyates
PROYECTOS EN MARCHA
La fibra óptica se acerca al rural en Valdeorras