Por que reivindicar a Lamas Carvajal

Publicado: 08 jun 2024 - 04:10

Se Celanova é Curros; se Padrón é Rosalía; se Ponteceso é Pondal, pois Ourense debe volver máis por Lamas. E dáse o caso de que o ourensán é a única das principais figuras do Rexurdimento que non ten fundación de seu nin institución que turre do seu nome. E Ourense esquece. Vaia se o fai. Miren o que pasa co Padre Feijóo, que termou da súa memoria, ocasionalmente, o Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo da Deputación, pero unha mestura de desidia e incompetencia levárono á extinción. Que non ía pasar logo con Valentín Lamas Carvajal, sen ninguén que turre del.

Lamas compartiu con Rosalía a forte conexión popular no Rexurdimento -moi por riba de Pondal, por exemplo, e á par, cando menos, de Curros-, pero foi maltratado polos creadores do canon literario. Antonte, onte e hoxe. As razóns, varias.

O primeiro minusvalorador foi Manuel Murguía. Tanto teimou da exclusividade da poética de Rosalía, que desprezou virulento outra achega á poesía popular que Lamas podía representar. E esquecendo na súa valoración outras cousas especialmente transcendentes, como que fose impulsor do xornalismo culto en Galicia (El Heraldo Gallego, e logo El Eco de Orense) ou o popular en galego (O tío Marcos da Portela). Ou que fose o creador da nosa prosa contemporánea (Gallegada) co que abriu a porta a outros, como Pérez Placer ou Francisco Álvarez de Novoa. Ou que co seu Catecismo do labrego -único best seller de antes do ensino- crease a sensibilidade social para a extensión do movemento agrario nos comezos do século XX. A fácil comprensión dos seus textos concedeulle a estima e graza do público pero non garantiu a unanimidade da crítica.

Os seguidores de Lamas agrupáronse nas Irmandades da Fala de Ourense e na coral De Ruada, e Lamas tivo en Xavier Prado Lameiro o principal continuador. Mentres os señoritos de Nós xogaban ao esoterismo ou cosmopolitismo antes de “se converteren” ao galeguismo, manifestaban un certo menosprezo por aqueles tipos tan “enxebres”, tan de aldea, e que estaban a tanta distancia social e intelectual deles.

Pero máis achegado a nós, tamén Ricardo Carballo Calero, na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, de 1963, o trata coa máxima dureza nas escasas catro páxinas que lle dedica (fronte ás 87 de Pondal, 85 de Rosalía e 57 de Curros). E co seu amplo maxisterio e influencia, tamén desde a Universidade, reforzou a postergación de Lamas no canon actual.

Os seus principais valedores foron case todos de Ourense e varios á raíz dos actos do centenario. Blanco Amor, quen publicou unha antoloxía en 1949, en Buenos Aires, e é o autor da frase “o cuarto pé do rexurdimento”; José Fernandez Gallego, autor do estudo bio-bibliográfico premiado no concurso de 1949; López Aydillo, que xa o inclúe nun monográfico en 1925 na súa colección de grandes poetas galegos. Outros serán Benito Varela Jácome, que publica no ano 1949 un estudo da súa poesía e máis adiante da súa prosa, etc. Marcos Valcárcel era un namorado de Valentín e, no centenario da súa morte, compartimos estrado no Liceo nunha charla conxunta reivindicando a súa memoria e chegamos a soñar xuntos unha exposición.

E convén turrar da súa figura porque ten valores moi actuais. A superación da súa discapacidade (que non sei como non leva o seu nome o Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra); a transcendencia na súa vida de Rosina, a súa muller; o compromiso cos humildes; o compromiso social e político; a rebeldía e independencia de criterio permanente. Nin sei como non o reivindican os nacionalistas, pois é o primeiro, en 1875, nas súas 10 Cartas aos Gallegos, en reclamar explicitamente a independencia de Galicia, mentres outros andaban á escoita do ruxe-ruxe dos piñeiros á luz da lúa.

Contenido patrocinado

stats