A rachadela da gaiola

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 03 feb 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Vísteme amodiño, que teño présa. É un dicir. Nunca andei apurado. Vou pouco a pouco, paso a paso polas carreiras da infancia y polas airas do lecer, do pasamento. Cando subo á copa dos carballos solto o berro que levo dentro e deixo que se espalle polas valgadas da nostalxia ou polos outeiros da soidade. Correr en esporranchas e en silencio polos montes da contorna é como notar a rachadela da gaiola na que estaba preso.

Vivo a liberdade ouleando cara ós catro puntos cardinais e sentindo que o eco deses ouleos son pensamentos que veñan e van polos regos da conciencia. Regos dereitos nos que semento sensacións para recoller verdades no tempo das colleitas. Sempre se dixo que cada quen recolle o que sementa.

Berro. Ouleo. Silencio. Baleiro. Semente. Colleita.

Deixo de pasmonear sobre as fantasías que debuxo na miña cabeza. Sei que ningunha é real, aínda que a esperanza é ese sentimento que nos fai crer que algo desexado pode chegar a realizarse. E se non se cumpre, se no se executa, vólvense sementar os latexos para que estoupen por todos os regos do eido.

Berro. Ouleo. Silencio. Baleiro. Semente. Colleita. Que nada fique aprisionado na almofada dos soños; que todo rebente sobre as cornixas do universo, ese espazo inmenso onde todo é, onde todo se expande, se afasta e se transforma, e no que o silencio reina como suprema forma do entendemento. Quizais non saiba se teño sentido nin se a miña intelixencia é comprensíbel para outros, pero si sei isto: vístome á présa para non chegar tarde ó único lugar que importa, aquel no que a calma e a pachorra aniñan no peito e me permiten seguir sendo libre.

Contenido patrocinado

stats