Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Respirando coa arte
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Na xornada de onte cumpríronse 180 anos do día no que once oficiais do exército español destinado en Galicia, ademais do comandante Solís -que estaba ó mando-, foron fusilados logo dun inxusto xuízo sumarísimo, ó fracasar o intento dunha revolta contra o presidente Narváez, que pretendeu dotar de órganos propios de poder autónomo a Galicia. Ningún dos oficiais á fronte da insurrección era galego, salvo o ourensán Ramón María Bahamonde, que se camuflou entre os vencedores e logrouse salvar.
Como tantos episodios da historia de calquera pobo -no noso caso, de Galicia- hai sucesos -e xa non falemos das guerras- que puideron cambiar o devir dos tempos, que lles custou a vida ós seus protagonistas, que zarabateron á sociedade daquela época e dos que quedaron para as xeracións futuras as crónicas do momento, o traballo dos historiadores e, no mellor dos casos algún icónico fito, é dicir, algún monumento que nos lembra o sucedido, por máis anos que teñan pasado dende o acontecemento.
Sen embargo, a miúdo eses fitos están aí, convivindo connosco, pero co paso do tempo, ó transitar ó seu carón o habitual é que nin sequera reparemos neles e non valoremos, polo tanto que, de como se decantaron os feitos daquela, son hoxe como son, os nosos días.
Este é o caso da rebelión protagonizada militarmente polo comandante gaditano Solís e por unha parte do exército establecido en Galicia, e liderada socialmente polos precursores do rexionalismo, á fronte dos cales estaba a cabeza pensante e a voz reivindicativa e “provincialista” do betanceiro, Antolín Faraldo, como redactor da constitución da, con tal motivo creada “Junta provisional de Gobierno de Galicia” que finalmente tampouco froitificou.
Pero, para poñérmonos en contexto da pequena historia deste ourensán, mellor é que fagamos un relato breve dos acontecementos previos que ocasionaron o fusilamento dos doce militares e que acabaron elevando á categoría de mito ós “Mártires de Carral”.
Situándonos naquel lugar, digamos que estamos no reinado adolescente de Isabel II, onde a figura do poder estaba personalizada no militar Ramón Narváez, que chegou a ser sete veces presidente do Consello de Ministros e que dirixía con ferrollo unha política centralista que no caso de Galicia afogaba á sociedade nun estado de pobreza que só atopaba válvula de escape na emigración.
Isto, unido ós conflitos internos do propio exército sobre o papel da monarquía no goberno do Estado, fixo que coincidindo coa chegada do comandante Solís a Galicia tivese lugar o alzamento liberal, dirixido en Lugo e A Coruña polo propio Solís e en Ourense e Pontevedra polo brigadier Rubín.
Aínda que o episodio de Ramón María Bahamonde foi loxicamente soterrado pola transcendencia mortal e a elevación á categoría de mártires laicos dos seus doce compañeiros
Á vista dos acontecementos, o goberno de Narváez enviou a Galicia ó xeneral Gutiérrez de la Concha que acabou aplacando a revolta. Rubín fuxiu para Portugal e Solís foi vencido na batalla de Cacheiras (Santiago) e capturado xunto ós oficiais que o acompañaban, entre os que estaba o ourensán Ramón María Bahamonde.
Cando os trasladaban para a Coruña, De la Concha recibiu orde de Madrid de “solucionar” de forma tallante a asonada e actuar con contundencia contra ós insurrectos. Andaban naquel momento nas proximidades de Carral e ó amparo institucional dun irrisorio tenente de alcalde daquela vila -o alcalde negouse a presidir tal acto-, montaron un xuízo do que non podía emanar outra resolución ca unha sentencia de morte.
E así foi, Solís foi fusilado o día 25 no adro da capela de San Estevo de Paleo (negouse a poñerse de costas e non quixo que lle taparan os ollos) e os outros once oficiais foron tamén “pasados polas armas” ó día seguinte na Fraga do Rei.
Entre estes estaba o ourensán e noutrora loitador anticarlista Ramón María Bahamonde, pero no medio da barafunda xudicial aproveitou para roubar un uniforme dun soldado do bando dos vencedores e camuflarse entre os leais a De la Concha, logrando salvarse do homicidio.
Aínda que o episodio de Ramón María Bahamonde foi loxicamente soterrado pola transcendencia mortal e a elevación á categoría de mártires laicos dos seus doce compañeiros, a audacia coa que foi executada a camuflaxe aínda se mantivo prendida na memoria dalgúns, ata que outro ourensán, neste caso o médico militar verinés Juan Manuel Espada, publica un artigo no xornal “Follas Novas” da Habana do 29 de abril de 1900, con motivo dunha campaña de recadación de fondos para levantarlles un monumento en Santiago ós mártires, que logo sería substituído polo actual de Carral, inaugurado en 1904.
Con tal motivo, Espada escribe: “Solís y sus bravos compañeros cayeron y el 26 de Abril de 1846 pagaron con sus vidas sus nobles aspiraciones, sus esfuerzos en pro de la libertad de España y de la libertad de Galicia”. Entre todos los jefes y oficiales que De la Concha condenó a ser pasados por las armas, sólo uno se salvó, mediante una estratagema singular que consistió en apoderarse de la gorra de uno de los capitanes de Concha, haciéndose pasar por tal y desplegando una serenidad pasmosa. Este fue el entonces capitán y más tarde coronel, don Ramón María Bahamonde, natural de Orense y a quien hemos tratado (...)”.
Pero, quen era realmente o tal Bahamonde é algo que debemos explicar denantes de rematar.
Nacido en Ourense -aínda que descoñecemos o lugar concreto da provincia- e incorporado moi novo ó exército, en 1837, na primeira Guerra Carlista, localízase na comarca cacereña das Villuercas loitando contra faccións desa comarca que estaban a pides de trasladarse á Mancha.
Xa no ano 40 é citado como “capitán ayudante del Regimiento Provincial de Monterrey” exercendo de xuíz-fiscal nunha causa contra o veciño de Baltar, Andrés Veloso, por ter pertencido á “gavilla” do seu fillo, morto nun enfrontamento coa columna mandada por Bahamonde.
Nos anos seguintes incorpórase ó rexemento da Coruña e nese destino é no que se ve implicado no levantamento de Solís.
Zafado, tal como foi descrito, do xuízo sumarísimo de Carral, foxe para Portugal onde reside durante un tempo, ata que, xa retirado do exército, unha amnistía lle permite retornar a Ourense, e dedicarse -e ser premiado por elo- ó cultivo do millo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Respirando coa arte
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Ramón Bahamonde, o mártir que non foi
Jaime Rodríguez Arana
La dimensión social del estado de derecho
Víctor González
Operaciones militares
Lo último