Con Raquel G. Figueiras no tempo das festas do Corpus

ARTE ET ALIA

Publicado: 23 jun 2025 - 06:42

Vista parcial da mostra.
Vista parcial da mostra.

Materia condutora é a exposición desta artista que exhibe as súas obras na sala 1 do CCMV, Centro Cultural da Deputación, e que inaugurada dende finais da primavera chega até as festas principais da cidade capital, de tonalidade relixiosa pola notable presenza nela no pequeno núcleo durante o Antigo Réxime do estamento relixioso, tres grandes conventos, as diversas capelas e a notable catedral co seu cabido. A tradición mantense; e desta volta coincide co inicio do verán na madrugada do pasado presente día vinte e un. Son estes os días do Corpus, para as que se facía solemne procesión con decoración de frores nas rúas, sendo aquí onde se documentada en 1323 a máis antiga do Antigo Reino de Galicia, e poucos anos despois, neste século XIV, época da Baixa Idade Media, en Pontevedra. Mágoa que se perdera nas reviravoltas do tempo a vistosa costume, tradición que hoxe inzase con esplendor nos territorios da faciana atlántica, nomeadamente en Ponteareas, e tamén Bueu, Cangas ou Rianxo. Eis un sentimento colectivo que tamén existe na miña vila de Cea, un canto de cisne primaveral.

Acaído recurruncho con pintura e escultura.
Acaído recurruncho con pintura e escultura.

A artista presenta obras preferentemente de escultura en grandes pedestais, sólidos e negros, que dominan, polo impacto, a sala. No núcleo central dispón no piso dela tallas de madeira, toscas formas que lembran construcións, con escasos ocos, escenificando unha ecosistema xeográfico de paisaxes áridos, desolados. Mais son as pezas cerámicas figurativas de amplo porte, as que dominan a mostra. Hai algún acaído peixe, e non falta unha expresiva cabra, por tras de Te escucho, muller maternal con peixe, que vimos na exposición na Galería Visol, Creatures, en 2023, caso da explícita Leda y o Cisne/Zeus, en éxtase. Eis, agora como alí, unha exposición de temáticas persoais, dun mundo onírico e fantástico, en palabras da comisaria Marta García, quen engade, enigmática, que habita un territorio sen nome. Así a reiteración dos bustos cerámicos femininos de clara cor con melenas-casas, outros mais escuros de tonalidade, varios deles con orellas de coello, sendo dous os máis significados, un deles o cartaz da exposición, unha muller nova que nos sorrí, con vestido de pel e xeométrico peto, cunha tela que lle vela en bandas a parte superior do rostro. A outra é una peza notable, de maior porte e ampla faldra con follas debuxadas e curiosas gafas. Nun dos currunchos sitúa nove telas pintadas penduradas monocromas, tinta chinesa sobre lenzo, nos que co círculo como recurso se expresa, e noutro punto penduran outras catro, xa con debuxos dentro dos círculos, para continuar con troncos de arbores directamente nas paredes. A escultora chantadina exhibiu as súas obras na Casa de Cultura da súa terra natal, e na de Monforte de Lemos, amosando nelas Entomologías. E en 2023 na sala de Marta García, licenciada en arte e grado en psicoloxía, espazo polo que pasaron Cándido Caneiro, Xosé Vilamoure e os galegos ourensáns Martita Carmona, de A Coruña e Masakazu Shida, de Osaka. Formada en diversas escolas cerámicas, caso de La Bisbal e co mestre Schlieper, é psicopedagoga de profesión e reside en Madrid, onde tamén convive coa poesía. Mención de honra no II Certamen Avelina Valladares, 1998, ten publicado Demoliciones, 2005, Cuerdas, Sin canción desesperada, 2008; ou La piel del ciruelo, 2020.

Contenido patrocinado

stats