Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Todo lo que quiso saber sobre el sexo...
DIARIOS DO PASADO
En 1849 nacía a Academia Provincial de Bellas Artes da Coruña, amparada polo Real Decreto de creación de academias provinciales, asinado por Manuel de Seijas, Ministro de Comercio, Instrucción y Obras públicas, e sancionado por Isabel II. En 1916 obtivo o título de Real. Hoxe denominada Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario -abreviada RAGBA-, ten a sede na cidade da Coruña. Decana das reais academias galegas, en 2024 cumpriu, 175 anos, o que está dando lugar á celebración de numerosos actos, incluída a exposición “A cidade das artes”, inaugurada o 20 de febreiro no Kiosco Alfonso da Coruña, co patrocinio do concello herculino e comisariada polo académico e arquitecto Fernando Agrasar.
A academia custodia o arquivo fotográfico de Manuel Chamoso Lamas, cunhas 15.000 imaxes entre negativos en película, placas de cristal e fotografías positivadas
A RAGBA organízase en sete seccións, “Arqueoloxía e Museoloxía”, “Arquitectura”, “Artes da Imaxe” “Escultura”, “Expertos nas Artes”, “Música” e “Pintura e Gravado”, hoxe formadas por trinta Académicos Numerarios. Son membros, ademais, os Académicos de Honra, os Supernumerarios e os Correspondentes, cun total de sesenta e seis. Os da provincia de Ourense -ourensáns nativos e de adopción- sumamos once, repartidos por distintas seccións e categorías. Na sección de Arqueoloxía e Museoloxía, Felipe-Senén López, Antonio R. Colmenero e un servidor de vostedes, José María Eguileta; nas de Artes da Imaxe, Roberto Verino; entre os Expertos nas Artes, María Victoria Carballo-Calero. Na de escultura, Acisclo Manzano. Como vimos, os citados son académicos numerarios. Máis ao elenco ourensán engádense un Académico de Honra, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, dous Supernumerarios, os escultores Manuel Buciños e Ignacio Basallo e dous Correspondentes, o arqueólogo Santiago Ferrer e o historiador da arte Jorge Varela. Como ven, un total de once académicos da nosa provincia entre os nativos e os que realizamos a nosa actividade profesional nela. Ademais, M. Victoria Carballo-Calero e Felipe-Senén López son, respectivamente, Arquiveira-Bibliotecaria e Secretario Xeral da institución, formando parte da Xunta Directiva. Non debemos esquecer que outro ourensán -aínda que nacido na Habana- foi Presidente de Honra a título póstumo: o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas. A academia custodia o seu arquivo fotográfico, cunhas 15.000 imaxes entre negativos en película, placas de cristal e fotografías positivadas.
Aínda tendo a sede na cidade da Coruña, o compromiso con Galicia é patente coa contribución doutras localidades e provincias, tamén a ourensá, que achega máis do 16% dos académicos actuais. Os ourensáns participamos co resto dos académicos nas tarefas de investigación e protección do patrimonio cultural e das artes, sobre todo tendo en conta o carácter asesor da RAGBA, que informa e aconsella á Xunta de Galicia en relación co dito patrimonio, en especial sobre a protección de bens culturais, catalogacións e adquisición de bens artísticos. Tamén proporciona información pública e denuncia estados de conservación problemáticos e incidencias negativas que poidan causar algunhas accións sobre os bens culturais. Debo ademais destacar a extraordinaria e continua labor creativa dos académicos artistas plásticos e músicos. Non quero rematar o escrito sen transmitirlles unha moi boa nova: a RABGA ven de recibir a Medalla do Parlamento de Galicia, distinción que estendemos a todo o patrimonio cultural galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Todo lo que quiso saber sobre el sexo...
Fermín Bocos
La claque de Sánchez
Roberto González
La formación, el mejor regalo
TAL DÍA COMO HOY
Kandinsky
Lo último