Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Pasou o Entroido e despois da troula e de todos os actos festivos volvemos á realidade. Os cregos lémbrannos que comenza a Coresma que é un tempo de reflexión moi bo pra autoanalzarnos e, se cabe, facer unha autocrítica pola nosa forma de actuar individualmente e tamén na sociedade. Polo que volvemos a vida real, pois a ficticia xa quedou aparcada ate o ano seguinte.
Pois todo o que no seu día dicías coa tua verborrea incendiaria, e que fixo picar a moitos ourensás, xa quedou no esquecemento
O Entroido é esa festa mundial onde cada quen dálle renda solta ós seus impulsos e sentimentos máis primitivos e amósaos en público. Moitos din que a xente ensina a súa verdadeira faciana con todas as expresións que acontecen nesa festa. Pois ben, pasadas esas datas comenza un tempo onde volvemos toparnos coa normalidade e os asuntos da vida cotián: vida que maiormente nos machaca día a día cos problemas que temos, tanto particulares como colectivos. Si, con esa realidade que amosa que nesta cidade todo camiña seguindo un deseño personalista onde cada vez vese, con toda claridade, vese que non hai nin proxecto de cidade nin nada que se lle pareza. E iso que afirmo queda sinalado na cantidade de cartos, máis de seis millós e medio de euros dados a dedo, que o concello gasta en adxudicacións directas que teñen un presuposto menor de 59.000 euros. Polo que ó non ter aprobadas as contas parece que esa é maneira de gobernar de quen tenta gañar vontades a golpe de adxudicación de pequenas chapuzas, carpas e charangas para eventos festivos que soamente actúan como divertimento dunha masa que se deixa levar. Todo pra ir tapando outras moitas carencias que soportamos os ourensás día tras día. Chapuzas e gastos que moi pouco, ou nada, arranxan. Pola contra os grandes proxectos e as grandes carencias que ten este concello, refírome ós servizos en precario que nos saen moito máis caros por estaren nesa situación, ou obras como a Praza de Abastos que seguen á espera até non se sabe cando. Ou os busitos que se desfán pra ter recambios dos que se escarallan e podería seguir cun longo etc. E digo eu: Jácome e os seus colegas eran os que viñan sanear este Concello e salvar da suposta corrupción a esta cidade? Querido amigo Gonzalo: o populismo que é o que tu si predicas, non deixa de ser un engano pra acadar o poder, e despois tentar seguir montado na poltrona coa aquiescencia de moitos cidadáns que non ven máis alá do seu propio nariz. Pois todo o que no seu día dicías coa tua verborrea incendiaria, e que fixo picar a moitos ourensás, xa quedou no esquecemento. E agora somos a cidade galega que perde credibilidade e rango nesta Galicia irredenta. Somos esa cidade onde o seu alcalde ninguén o recibe pra falar de proxectos importantes. Somos esa cidade onde non hai inversións doutras administracións públicas.
Hai uns días, un columnista escribía nun xornal referíndose a cidade: Ourense non aspira a nada e semella que camiña cara un suicidio colectivo ó non querer ver a realidade na que está a cidade das Burgas. E esa afirmación lévame a facer unha reflexión: Cando soamente se lle dá á xente festas chocalleiras, e se abandona todo o demais como o mantemento dos servizos, a mellora das beirarrúas e os barrios, e o perímetro rural non conta pra nada; e se a eso lle sumamos desleixo pola cultura e descubrimos que non hai perspectivas de futuro, a política local soamente serve pra facer que se fai sen facer ren. Vivimos nun tempo onde soamente hai pracebo pra contentar á masa que vive desinformada e apapaostiada polo que acontece nesa institución de todos. Polo que, cando se renuncia a buscar colaboracións con outras administracións pra acadar proxectos que o Concello non pode facer, algo malo acontece con quen nos goberna. En fin, se a coresma vale de algo, nas reflexións que nela se fan, incluamos a vida local que hai nesta cidade pra ver se os partidos políticos presentes nesa corporación, maiormente os Populares, ven a anormalidade na que se vive neste Ourense do século XXI.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último