Realidades semellantes

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 03 jun 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Pode que pareza unha esaxeración, mais coido que non é o caso. Na capital do Reino, o PP no presenta unha moción de censura, ten medo perdela dialecticamente contra o alcumado “Malvado” Sánchez. A cuestión non é soamente de números. Vai moito máis alá, pois hai que presentar un programa e anunciar cales son as propostas para gobernar o Estado e iso é unha cuestión máis seria.

En Ourense, cidade sen mar, os tres grupos da oposición censuran ó goberno de Jácome. Era o previsto. E o alcalde sométese unha moción de confianza vinculándoa á aprobación dos seus presupostos. E polo que se ve, despois de escoitar o que dixeron os tres grupos da oposición, o alcalde vai saírse coa súa e terá presupostos para rematar o mandato. Así poderá dar unha imaxe externa de que con el todo funciona, aínda que todo vaia de mal a peor. Esta é a realidade do que acontece nesta cidade do interior galaico.

Se no primeiro caso, os socios de Sánchez non o censuran, pois saben que o que ven é moito máis ruín co que temos; no segundo caso, que é o de Ourense, os intereses partidarios están por riba dos intereses da cidade, pois todo miran como lle irá nas vindeiras eleccións municipais do 2027. E se non, vexamos o que dixeron os voceiros dos tres partidos en cuestión.

O resultado é que o intrépido, atrevido e polémico alcalde que está imputado por malversación de fondos públicos, segue na cadeira de mando

Os populares, que foron os que puxeron por dúas veces a Jácome na alcaldía despois de botalos fora do goberno, din que son o partido maioritario segundo o resultado electoral e que a alcaldía correspóndelle a eles. Polo tanto, se queredes moción, o alcalde ou alcaldesa ten que ser do PP. Os socialistas, que hai tempo perderon o norte na corporación, sabedores de que un acordo a tres é hoxe case imposibel, non foron capaces de ir contra os presupostos para que estes se devolveran, polo que déronlle apoio ó grupo de goberno e non tivo que retiralos, polo que a moción vinculada ós mesmos puido ser no último día que se podía facer. E os nacionalistas, sempre tan coherentes, entre outras cousas no seu discurso, deixan entrever que co PP nin auga, aínda que en Santiago cheguen a acordos cos populares, e retrotraen o asunto a que a culpa da situación é de quen puxo a Jácome no poder. E así andan as cousas.

Claro, sen entender que cada proceso electoral anula ó anterior e é o que manda e tómase como referencia. Ademais esquecen que os populares repiten resultados moitas veces, ó que debera facelos meditar e entender que o asunto de Ourense xustificase por ser unha situación especial que merece un coidado especial. O resultado é que o intrépido, atrevido e polémico alcalde que está imputado por malversación de fondos públicos, segue na cadeira de mando. E de non ser por un milagre xudicial, rematará o mandato gastando cartos en festas e demais caralladas. Iso si, sen arranxar ningún dos importantes problemas que ten a cidade, que son moitos.

Concluíndo, que dez concelleiros gobernan e mangonean na cidade mentres dezesete son incapaces de quitalo da cadeira de mando e pechar un tempo escuro nesta Auria. Isto é o que acontece nesta cidade sen mar onde moita xente di: o pillo é moito máis listo, e os que soamente andan a mirar como lle irá no futuro, deixan á cidade nun segundo plano. E todo mentres Ourense esmorece dando unha imaxe cara ó exterior pobre na que o asunto ate pode facerse crónico. En fin, dúas realidades parellas e distintas, pois mentres no Estado, a pesares das corruptelas e dos insultos da oposición, as cousas camiñan medianamente ben, en Ourense seguimos á espera de que se abra un tempo novo sen Jácome, un tempo que tarda moito en chegar.

Contenido patrocinado

stats