Afonso Vázquez-Monxardín
Reconstruír o relato galeguista
Antonte estiven en Pontevedra nunhas xornadas na honra de Filgueira Valverde, o vello profesor pontevedrés. Os organizadores chamáronme -cousa que agradezo- pola miña coincidencia temporal con el no Consello da Cultura Galega entre o ano 1991 e 1996, en que morreu. Daquela turraba eu pola formación do Arquivo Sonoro de Galicia no seu seo e el, ilusionado, apoiaba a iniciativa. Tamén puido ser porque cando se lle dedicou o Día das letras Galegas, en 2015, fun unha das primeiras voces que manifestou a súa alegría sen reservas.
A miña intervención tocou sobre todo un par de puntos: a coincidencia entre Ourense e Pontevedra na restauración da identidade galega desde o XIX e a necesidade de reconstruír o relato galeguista para adecualo á realidade do que foi sempre -un movemento plural no ideolóxico e amable no trato, de elites formadas no amor a Galicia- e limpar dese relato as simplezas e maledicencias promovidas por xente pouco e mal formada e informada que, a medida que se foi radicalizando o discurso político dominante nese ámbito, se foron consolidando. E como exemplo, penso no maltrato que sofre no relato Filgueira, a quen creo preciso -logo o xustificarei- resituar e “venerar” como un dos pais da nosa identidade moderna.
No primeiro punto, comentaba que en Ourense e Pontevedra, entre o XIX e XX, tiveron moitos paralelos culturais. En Ourense, no folclore, Saco y Arce; na música, a coral De Ruada; na prensa, Lamas Carvajal, e despois, Otero, Risco e a sensibilidade arqueolóxica de Cuevillas, concretada logo no Museo Arqueolóxico con Ferro Couselo. En Pontevedra, Pérez Ballesteros no folclore; Aires da Miña Terra, na Música; Galiciano, na prensa, e despois, Castelao, Cabanillas e o propio Filgueira no Museo de Pontevedra. E un home de Moldes en Boborás, Antón Losada Diéguez, co seu maxisterio galeguizador en Ourense (1915-19) e logo en Pontevedra (1919-29), puxo en contacto ambos núcleos. De aí que a revista Nós se publicase en Ourense e logo en Pontevedra. De aí que os impulsores do Seminario de Estudos Galegos fosen de ambas cidades.
Fai un chamamento en 1941 á escrita en galego (porque non tolle a morte a fonte das cantigas eu os chamo, segreles, que veñades cantar...), e promove a entrada galeguista na RAG e o salvamento dos restos do SEG co Instituto Padre Sarmiento.
E imos coa reconstrución do relato. Os canons literarios e históricos teñen que ver con quen os escriba. Murguía tratou de borrar a Lamas do Rexurdimento. Francisco Fernández del Riego, construtor do relato históricos dos anos escuros, tratou de escurecer o papel de todos os que non fosen íntimos del: Leuter e os galeguistas ourensáns, por exemplo. E Filgueira Valverde. E logo, os intelectuais de esquerdas, construtores do relato, non perdoaron que Filgueira fose alcalde na época de Franco -e bo alcalde- e inventaron innobres comportamentos na guerra e postguerra, e ata culpabilizalo pouco menos que da morte de xente na guerra, da depuración de mestres ou da instalación da Celulosa. Todo falso. En fin, no “haber” de Filgueira están moitísimas cousas e nunca menores. Mobiliza forzas -boa virtude- para a formación do Seminario de Estudos Galegos con 17 anos. Entra na RAG como correspondente con 23. Dinamiza o galeguismo de Pontevedra e participa na creación, con Castelao e outros, do Museo de Pontevedra. Mantén desde 1936 unha popular publicación monolingüe en galego como O Gaiteiro de Lugo. Fai un chamamento en 1941 á escrita en galego (porque non tolle a morte a fonte das cantigas eu os chamo, segreles, que veñades cantar...), e promove a entrada galeguista na RAG e o salvamento dos restos do SEG co Instituto Padre Sarmiento. Monta a editorial Bibliófilos Gallegos antes de Galaxia. Impulsa o salvamento da Casa de Rosalía de Castro en Padrón... En 1970 fai que as Cortes de Franco aproben a posibilidade de incluír o galego no ensino. Mollouse como primeiro conselleiro de Cultura para formar ese departamento e logo como impulsor do Consello da Cultura Galega, etc. Que pasa? Hai que ser de esquerdas para ser incluído no canon do bo na cultura do país? Pois non. Cómpre modificar o relato da historia -e do presente- do galeguismo para facelo máis “inclusivo” -sempre foi plural e rico- e deixarse de sectarismos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último