Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Coinciden desta volta, no tempo, e mailo espazo, en Ourense unha data e unha micro exposición permanente de relevancia. A primeira, o aniversario de La Región, que nace o martes 15 febreiro 1910, do que avisou á sociedade uns días antes. Son 115 anos. Era o seu subtítulo “Diario Indepediente de intereses generales, de noticias y avisos”, domiciliándose na rúa Luís Espada, 15. A súa liña era “de índole grandemente informativa, es ligado en absoluto de todo partido y personalidad política”, para o que conta de inicio co Corpo de redacción, e coa “colaboración de distinguidos y reputados publicistas de la región y fuera de ella, quienes honrarán y avalorarán (sic) las columnas del periódico con artículos de actualidad, trabajos sociológicos y producciones (sic) de amena literatura”. Imprimíase a cinco columnas, como se pode comprobar dende Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia. Aquí pódese ler que o primeiro director foi Manuel Cambón, e logo Marcial Ginzo, 1915-1926 e José Fernández Gallego entre 1930-1932, ano no que comezou Ricardo Outeiriño, apelido ao que sigue ligada hoxe a cabeceira do diario provincial.
Gustoume no número 1 o menú do Hotel Roma, sendo outros anuncios o do Café Regional e o das reloxerías Portuguesa e Suiza
Nace como un periódico que “defiende exclusivamente el criterio católico”. Resulta significativo, para quen isto escribe, como xa na propia portada un tema de arte é información destacada, “La exposición de Arte retrospectivo”, un solto, que se inauguraría o mércores 16 nos salóns del “Museo provincial”, así, en cursiva. Trataba a exposición “de los objetos que figuraron en la de arte retrospectivo de Santiago”, e trataría de “los mas bellos ejemplares arqueológicos de la vajilla, indumentaria eclesiástica, escultura, pintura y orfebrería” de Ourense, prometendo que farían unha “detallada reseña”. Foi unha mostra que viu a luz pola implicación do secretario da Comisión de Monumentos sr. Marquina. E ademais, dáse conta de que Ramón del Valle Inclán Montenegro inaugura con “Las mieles del Rosal”, o volume I da “Biblioteca de escritores gallegos”, columna firmada por Iván o 10 de febreiro de 1910, o primeiro colaborador. Escrebe que o libro leva un retrato “del autor en la portada que parece hacho por el propio Theotocopu u (sic: Theotokópoulos, é dicir El Greco)”, e anima a ler ao “romántico gallego [neste libro, que é] una antología de sus propias obras hechas por él mismo”. Gustoume saber neste número 1 o menú do día do Hotel Roma, sendo outros anuncios o do Café Regional na rúa san Miguel, e o das reloxerías Portuguesa e Suiza. E o do “Catecismo do Labrego” que “se vende en esta imprenta” a 30 céntimos, en tipografía de gran corpo. Son así as tres primeiras palabras en galego do diario as do título da obra que lle deu sona a Lamas Carvajal, cuarto piar do Rexurdimento do galego escrito, publicación nada en 1888 en O Tío Marcos d`a Portela...
E no espazo de honra da Galería Visol ten disposta Maricarmen, a irmá do artista Vidal Souto, dende fai unhas semanas, unha exposición monográfica in memoriam, seis obras que amosan a súa pintura cunha das xilografías da etapa brasileira que, unidas ás esculturas da sala, amosan o abano no que se moveu este interesante artista con taller en Osebe, Leiro, que gustaba da soidade. Eis o seu recuncho de honra, presenza viva dun creador nado en Ourense o 6 de abril de 1948, e que a finais de marzo de 2021, a piques do 73, morría.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último