Reitorais, cemiterios e redes

o afiador

Publicado: 13 jul 2025 - 02:55
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Hai uns días que o hotel Reitoral de Parada de Sil, establecemento respectado e valorado pola sua clientela polas excelentes instalacións e a esmerada atención que reciben quenes por alí se deixan caer, foi noticia polo universo virtual das redes despois de que unha parella subise un video no que ensinaban, no medio de risotadas escandalosas, a habitación na que se aloxaban e as vistas dende a mesma, que dan a un flanco do cemiterio parroquial de Parada e se amosaban atónitos os dous polo descubrimento de que a carón dun enclave hoeleiro poidera existir un camposanto.

Os causantes semellan esa xente urbanita que dí gustarlle o rural pero con costumes urbanos, sen ruidos nin cas características que definen a vida de aldeas e pobos

Igual que o toureiro coa diva, para que a historieta tivera valor era preciso contala, así que subírona as redes. A partir dese momento, a difusión foise extendendo ata facerse viral. Xa saben que internet veu para cambiarnos a vida e aportar innúmeras solucións que a estas alturas resulta impensable prescindir do seu uso. Pero, paralelamente, tamén dispón de carris para acoller todo o lixo intelectual, ignorancia e miseria moral que as masas que os soportan espallan sen miramentos, aproveitando a inexistencia de custe nin responsabilidades.

E así, os rexidores do mentado hotel víronse metidos involuntariamente nunha espiral na que se dixo de todo -tamén cousas boas- sen ter fallado no seu cometido nin sufrido ningún desliz profesional, que os superou e descolocou totalmente, acostumados a moverse nun ámbito máis sinxelo no que adoitan recibir comentarios laudatorios dos usuarios das instalacións e da atención da que son obxecto, que lles sirven de acicate para seguir cada día.

E agora, vaiamos ao miolo. Os causantes semellan esa xente urbanita que dí gustarlle o rural pero con costumes urbanos, sen ruidos nin cas características que definen a vida de aldeas e pobos. Cando se din amantes dos animais refírense a cans e gatos asimilados aos humanos, que durmen no sofá ou ao pé da calefacción, non aos que lles molestan co seu vivir no medio natural sendo o que son, nin ao insufrible cacarexar das pitas e o seu galo, aínda que calificaran insuperable a tortilla de ovos caseiros que zamparon a noite anterior. Ou que unha espectacular reitoral do século XVII reconvertida en hotel poida ter ao lado un cemiterio, como foi toda a vida por máis que algún aínda non se enteraran. Entenden -bueno non entenden, non-, aínda con risas, que son restos de costumes atávicos indicativos do atraso persistente no rural, considerado de xeito despectivo como profundo, e que, en realidade, son parte da historia e a cultura que nos trouxo ata eiquí.

Contenido patrocinado

stats