Remoendo na transición 3

Publicado: 28 nov 2025 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

As Forzas de Orde Pública nos comezos da transición dividíanse a Policía Armada -comunmente “os grises” polos seus uniformes, e a Garda Civil. Nas cidades, fóra edificios oficiais, só Policía Armada, pois desde 1959 deixaran á Garda Civil as súas iniciais competencias en tráfico. Eran dúas realidades moi diferentes.

Inmediatamente chegou xa envolta a pancarta. E despois dos saudos, marcharon. As cousas cambiaban rápido. Todos o queríamos

A Policía Armada durou desde a fin da guerra -e onde se integraron de a pouco os funcionarios da Guardia de Asalto republicana- ata 1978 en que cambiou o nome a Cuerpo de Policía Nacional. E cambiaron o gris polo marrón -de aí o de “maderos”. En 1986 foi creado o Cuerpo Nacional de Policía, no que se integraron tanto estes, xa con uniforme azul como o actual, como os herdeiros do Cuerpo General de Policía de época franquista, ou sexa, a “secreta”, porque non portaban uniforme, e que se chamaron entre o 78 e o 86 Cuerpo Superior de Policia.

A Garda Civil, sui géneris corpo militar, non cambiou nunca de color de uniformidade -verde- e só deixou de usar o tricornio para o traballo usual, en 1989, reservándoo para misións ou actos destacados. Pero hai algo máis significativo. Viviron sempre nas Casas Cuarteis, co perigo da formación dun gueto arredado do resto da sociedade. Pola contra, os da Policía Armada ou da “secreta” vivían entre os cidadáns. O seu veciño de arriba podía ser mecánico e o de abaixo profesor, albanel, ou funcionario de Facenda. O caso é que a permeabilidade coa sociedade foi sempre maior, sobre todo en lugares pequenos, como Ourense. Así, hai numerosas anécdotas na transición, que revelan a distinción entre os “grises” de aquí, e os que viñan “de Valladolid”, especialistas, daquela, en dar paus nas manifestacións. En Ourense, cidade tranquila, só os lembro no conflito da celulosa, 1974.

E vai a primeira anécdota. Clausuraran a Universidade por líos en Santiago co que pecharan tamén o Colexio Universitario. E organizamos unha manifestación na porta. Debía ser o 77 ou 78. Alí estabamos coa pancarta e berrando “Non ao peche da universidade”. E chega un furgón dos grises. E baixa un co casco posto e a viseira baixada. E achégase a nós. Algúns dos que estaban detrás da pancarta discretamente retíranse. Outros quedamos. Aproxímase. Lentamente sobe a viseira e míranos. Bota a man ao peto -ao lado da cartucheira-, saca un paquete de Ducados, colle un pito e dinos: “Tedes lume?”. Coas mans tremendo démoslle lume. E empezou a falar. “Dixéronnos que vos viñeramos disolver que nos podiades estar aquí interrompendo na acera”. E nós diciámoslle atrapalladamente que queríamos reunirnos para ver que facer e que tiñamos as instalacións pechadas. E el insistiu e aclarou: “Non podedes estar aquí senón vos temos que disolver, pero se queredes falar... en fin, nós non imos meter o coche no Xardín do Posío...” e deu volta e marchou e marchou o coche. E nós, claro, ao Xardín.

Ai vai a segunda. Debía ser xa 1978 ou así. O MCG -Movemento Comunista de Galicia- convocara unha manifestación pola cooficialidade do galego na Praza Maior, ao redor do día das Letras Galegas. Un grupo de xente dá voltas ao redor berrando as consignas. Chega un coche dos grises. Pára na parte superior, onda a entrada de Lamas Carvajal. Todo o mundo mira de esguello. O coche non se move. Esperan que acabe. Cando estaban recollendo pancartas e disolvéndose, sae un gris e chifra o pito, azaneando para que vaia alguén. Achégase un dos organizadores -e varios curiosos canda el- e o policía dilles: “Dixéronos que viñeramos disolver esta manifestación. Pero vimos que non había problema ningún, e en fin, galegos tamén somos nós e non está mal que o que dicides. Pero nós tiñamos que disolvela. Así que dádenos unha pancarta para xustificar que viñemos e xa está”. Inmediatamente chegou xa envolta a pancarta. E despois dos saudos, marcharon. As cousas cambiaban rápido. Todos o queríamos.

Contenido patrocinado

stats