Remoendo no franquismo. A escola

Publicado: 08 dic 2025 - 01:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como nacín en 1960 e fun sempre á centros públicos -escola, instituto, universidade- a miña vida de formación baixo o paraugas do estado cadroume entre o tardofranquismo, a transición, o advento da democracia e o nacemento da autonomía.

E claro, canto máis miro atrás, mais cousas lembro en relación con aquela cousa rara que era o franquismo final. Estiven no Curros Enríquez entre os cinco e dez anos, en que pasei ao Instituto. Daquela non había semáforos, había menos coches, e íamos case todos sós desde a casa desde primeiro de primaria.

Lembro, perfectamente, os cincos profesores: unha profe de neniño, e sobre todo a don Magín, don Lino e don Claudio. Había comedor pero pouco quedei. Lembro, tamén, un profesor de primeiro, raro, que nos levaba guantes de boxeo para practicar “como homes” aínda que acabásemos sangrando polo nariz. Un día queimou diante nosa un billete, creo que de cen pesetas, para acender un pito. Despois dedicouse a outras cousas.

Inimaxinables sería hoxe, tamén, as “permanencias”. Un par de horas a maiores pola tarde no centro, ás que asistían os alumnos que lle pagaban ao profesor. Clases privadas en espazo e medios públicos. Soldos complementarios para os que entraban no xogo. Non moitos.

Inimaxinables sería hoxe, tamén, as “permanencias”. Un par de horas a maiores pola tarde no centro, ás que asistían os alumnos que lle pagaban ao profesor.

E non había extraescolares coma hoxe, pero si había festas e transgresións da actividade na aula. Como cando vimos a chegada do home á lúa, ou o lanzamentos dos Apolos, xuntos, nun televisor en branco e negro. Os primeiros dias de maio facíanse altares á Virxe e levabamos flores. Algo de rosario tamén lembro... e no Nadal cantabamos panxoliñas en galego. E tamén entoabamos outras cousas raras, non recordo o motivo, como o Cara al Sol, Montañas Nevadas o Prietas las filas, recias marciales nuestras escuadras van cara al mañana... E desfilábamos dando voltas no interior do edificio, petando cos pés no chao. Xogabamos no recreo ao fútbol -eu era malísimo- ao cravo, e outras cousas. No recreo víamos as nenas que estaban noutra ala do edificio, pero non xogabamos con elas. O que máis lle gustaba a moitos era tocar a campaíña dando voltas ao redor do edificio para sinalar que remataba o recreo. E nos profesores había de todo. Algúns zoscaban moito coas súas varas e tiñámoslles medo. Un día un alumno púxose tolo e tiroulle unha caixa de bolas ao profesor, que se agachou a tempo... e levaba un coitelo. Veu a policía e levouno. E preguntaban os profes á rolda e íamos adiantando ou retrasando na fila conforme sabíamos máis ou menos. E aos dez anos, ao Instituto.

No Masculino -no da Ponte non había nenas, como no do Xardín non había nenos- estiven ata sexto con Franco vivo e COU con el defunto. Daquela tiñamos Formación del Espírito Nacional da que con algún profesor -co Focas- tiñamos que aprender de memoria os apuntes. Eu recordaba algo, pero o amigo Javier Legido, inda máis. Comezaban así: “La Formación del Espiritu Nacional es un modalidad del quehacer educativo general de alcance universal que tiene dos vertientes o aspectos: a) El encauzamiento del sentimiento natural patriótico, b) la iniciación a la práctica sociopolítica. Surge de la doctrina del Movimiento Nacional que desde el 19 de abril de 1939 es la oficial del Estado...”. Eu nunca cheguei a saber o b) pois repetía de carrerilla o primeiro e xa saltaba ao seguinte. Tamén nos colleu a época de relixión obrigatoria. Lembro os “esquemas” de don Camilo que había que estudar de memoria... Se grazas á FEN, a maioría pensabamos que o réxime agonizante era unha trangallada insostible, aquel xeito de dar a relixión fixo máis polo agnosticismo e ateísmo que ningunha imposible prédica laicista. Outros profesores de relixión, desde logo, eran xente moi amigable. De todo había, “como na viña do Señor”. O resto dos profesores -Xeografía e Historia, Matemáticas, Ciencias, Inglés, Filosofía, etc.- eran xa xente moderna e actual. Grazas a eles aprendemos moitas cousas, a recoñecer o presente e a dubidar, incluso de nós.

Contenido patrocinado

stats