Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
CASTELLUM HONESTI
Como xa dixen, hai semanas a Fundación Otero Pedrayo convidoume e a impartir un relatorio sobra a relación entre Florentino López-Alonso Cuevillas e o señor de Trasalba. Mentres a redactaba, xurdiume a idea de facer un retrato do pai da prehistoria galega baseado nos escritos que sobre el publicou o patriarca das nosas letras. Por tal motivo, repasei os textos que conservo na miña biblioteca, correspondentes a publicacións nos xornais La Región, El Correo Gallego e La Noche, ou na editorial Galaxia, entre outros.
Nun primeiro achegamento, afirmo que na escrita de Otero latexa unha admiración polo seu amigo que transcende o plano persoal. A este respecto, comprobei que o fidalgo de Cimadevila non compuxo só unha biografía de Florentino, senón que fixo unha interpretación máis rica da súa personalidade, converténdoo nun símbolo intelectual, cultural e mesmo moral de Galicia. Constatei que -seguindo o fío condutor dunha amizade sentida e consolidada pola irmandade, o tempo e as circunstancias-, os textos oterianos debullan, liña a liña, os trazos dun retrato que presenta a Cuevillas coma o modelo dunha xeración, dunha época histórica e dunha visión de Galicia que se desvanecía paseniño nese intre.
Un dos aspectos máis salientábeis é a identificación Florentino co ourensanismo coma profesión de fe. Neste sentido, a cidade das Burgas aparece nos parágrafos oterianos coma o escenario dunha vida -a rocha á que se apega fortemente a ostra-, mais tamén coma o manancial espiritual do protagonista. Para Otero, Floro era un intérprete íntimo de Ourense; alguén capaz de descubri-la alma da cidade en cada unha das súas pedras, dos seus ritmos e, incluso, na esculca dos seus silencios. Así, a historia das rúas antigas, as cantigas da fonte da Praza do Ferro, a luz do cimborrio da catedral ou as néboas silandeiras do inverno, convértense en testemuñas da vida, da sensibilidade e do pensamento dun ourensanista confeso e profeso.
Admiración oteriana medra cando, contemplando a dimensión intelectual do fundador da arqueoloxía galega moderna, salienta a súa faciana autodidacta, disciplinada e humilde.
Outro elemento que vertebra os textos oterianos atópase no carácter fidalgo de Cuevillas. Unha “fidalguía” que non se refire ó berce, á riqueza nin á posición social; pola contra, substancia unha elegancia interior alicerzada na cortesía, a humildade, a discreción e o respecto; unha sinxeleza afastada de calquera vulgaridade ou soberbia. Mesmo no traballo oficial na oficina de Facenda, Otero subliña a súa capacidade para dignifica-lo labor máis administrativo mediante o rigor, a responsabilidade e a delicadeza no trato humano.
A admiración oteriana medra cando, contemplando a dimensión intelectual do fundador da arqueoloxía galega moderna, salienta a súa faciana autodidacta, disciplinada e humilde. Nun tempo no que moitos intelectuais buscaban o protagonismo ou a sona pública, o seu amigo foi quen de transforma-lo coñecemento da prehistoria galega sen deixar de considerarse un aprendiz. Asemade, o presenta, non só coma un investigador de castros ou mámoas, senón coma o verdadeiro teorizador da continuidade histórica de Galicia; coma quen desvelou a verdade de que a identidade galega enterra as súas raíces nun pasado antigo, profundo e digno.
Segundo Otero, Cuevillas profesaba en dúas relixións: Galicia e a fe católica. Para el, o labrego contemporáneo -o último reduto da Galicia tradicional que veneraba-, aínda conservaba as pegadas do home castrexo, das antigas civilizacións atlánticas e dos ritmos ancestrais da terra; era, pois, un símbolo da permanencia do noso pobo na historia. Verbo da dimensión católica, Floro é descrito coma un home de fe sincera, íntima, serena e integrada na súa maneira de vivir e mais de entende-lo mundo, sen fanatismos nin integrismos.
En resume, dende a ollada de Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas non foi só un gran arqueólogo; foi un ourensanista confeso, un galeguista humanista e un aristócrata espiritual, militante na fe, na cultura e no amor a Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Su nombre no era para esa lápida
CUENTA DE RESULTADOS
De Cos y Knot, favoritos para el BCE
Victoria Lafora
La puntilla
Lo último
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 2 de noviembre
DOBLETE DEL OURENSANO
Martín Lamelas lleva al Arenteiro hasta el triunfo ante el Celtiga (2-0)