A revolución non será televisada

Publicado: 03 oct 2025 - 05:55

A revolución non será televisada.
A revolución non será televisada.

Imprevisible e sorprendente é toda a filmografía do cineasta Paul Thomas Anderson. Autor de filmes de culto como Boogie Nights (1997), Magnolia (1999) ou Pozos de ambición (2007), moi diferentes entre eles por temáticas e xénero, Anderson parece desafiar a se mesmo e ao espectador en cada nova longametraxe. Ao igual, a anterior nostálxica Licorice Pizza (2021), entre o romance e a comedia, foi case concebida como un intimo divertissement do cineasta cunhas respostas de crítica e público bastante diverxentes.

Una batalla tras otra, adaptación da novela Vineland de Thomas Pynchon chega agora ás pantallas e ofrece a versión máis atrevida do cineasta, esta vez decidido por explorar os territorios da comedia negra, do thriller e do drama familiar, entre outros. Desde as primeiras secuencias, na súa oda á erótica da revolución, é un filme que non se deixa clasificar, mostrando o seu ADN mestizo. O filme de Paul Thomas Anderson desprende euforia e tolemia, unha visceralidade por momentos entretida, por outros divertida e por outros tantos desconcertantes.

Neste conto coral que fai Paul Thomas Anderson emerxe o cadro dun País polarizado e violento

O filme vira arredor de distintos personaxes que se enfrontan entre eles. Temos ao ex-revolucionario Bob Ferguson, interpretado por Leonardo DiCaprio, un guerrilleiro retirado que viste bata de casa e que lembra ao Gran Lebowsky. Está o coronel Steven J. Lockjjaw, interpretado por Sean Penn, un home obsesionado con formar parte dos Amantes de la Navidad, unha seita masónica formada polas persoas máis influentes da sociedade branca estadounidense e que é o antagonista. Xunto con eles hai outros personaxes, non menos importantes, como a muller revolucionaria interpretada por Teyana Taylor, que parece sacada dunha das primeiras películas de Tarantino ou o sensei interpretado por Benicio del Toro, case un holograma xerado directamente desde a filmografía do cine de artes marciais dos oitenta…

Neste conto coral que fai Paul Thomas Anderson emerxe o cadro dun País polarizado e violento, unha especie de babilonia contemporánea onde a comunicación entre seres humanos faise cada vez máis absurda. É un retrato dunha sociedade moi similar á que atopamos no ultimísimo filme de Ari Aster, Eddington. Como no filme de Ari Aster, curiosamente, o absurdo que acompaña a película facilita un retrato máis realista da sociedade actual que moitos dos documentais serios que intentan descifrar a sociedade estadounidense na era Trump.

Impresiona como o cineasta consiga pasar dun rexistro a outro creando un verdadeiro estilo propio, un punto de vista orixinal, incluso coherente, durante toda a película. Una batalla tras otra é un filme que, máis aló dos disparates e da súa mirada critica á sociedade e ao capitalismo – exemplares son as escenas sobre a inmigración e o trato aos inmigrantes -, mantén unha certa dose de esperanza na humanidade. É unha película explosiva pero que non deixa o corazón en cinzas.

Contenido patrocinado

stats