O anxo Atheán | Con Risco en Allariz

Publicado: 04 oct 2024 - 18:49 Actualizado: 04 oct 2024 - 19:09

Alá fomos. Como Atheán só pode tomar dos homes as apariencias, ao ser il puramente espiritoal, adoptou para ise día o corpo etéreo. Debo dicir que cando vin chegar polo aire unha bolsa de deporte, das grandes -que só despoixa souben que contiña os tres pares de ás do meu amigo anxo-, entroume un tremer de pernas e un latexar acelerado do corazón, e case que me deu unha volta dentro do meu coche no aparcadoiro da Alameda d’Ourense, onde quedaramos de nos xuntar. E aínda meirande foi o atordoamento no momento en que o bolsón se ergueu do chau, fixo unha reviravolta no aire, mentres o maleteiro abría só, entrou na cajuela -como din en México- pousou e a porta traseira pechou soa. Ola amigo, saudou Atheán, que é moi educado e amable, engadindo de contado; trouxen as miñas ás para a volta porque, como di un meu poema: “Podo baixar dos ceos en voo nesgado, sen sentir as nubes debaixo dos pés. Son un querubín que bate as ás, haxa ou non vento a favor...”.

Durante o traxecto, entre Ourense e Allariz, fomos falando de D. Vicente Martínez Risco e Aguero quen, de vivir, faría, ese mesmo día, cento corenta anos, aniversario celebrado pola Fundación que leva o seu nome, sita na casa alaricana da súa dona, a raiante e técola María del Carmen Fernández Gómez. Comprobei, pola conversa, que Atheán tiña un grande coñecemento da figura e da obra do intelectual máis complexo e controvertido da cultura galega. Notábase que lera a fondo Las tinieblas de Occidente, Mitología cristiana, Orden y caos e, sobremaneira, Satanás, historia del diablo. Amais de coñecer ben a obra en galego, especialmente a prosa de D. Vicente.

É sabido que a alimentación dos anxos nada ten que ver coa nosa, a dos humanos. Iles comen e beben do maná que hai nos ceos.

Durante o percorrido teatralizado polas rúas da Ziralla e a representación do cumple dende a solaina, na que os actores simulaban seren Risco, Otero Pedrayo e a citada Dna. Carmen, Atheán permaneceu silandeiro, calado coma un peto. Case me esquecera dil, mais de sócato unha mau invisible empurroume contra un recanto. Era Atheán, que me besbexaba ao oído: S´ei fu si bel com´egli é ora brutto, engadindo, en galego, Lucifer, o máis feito, fermoso e riquiño dos anxos, converteuse na máis ruín e noxenta das criaturas. Concordo con Risco en que se trabucan os que lle atribúen ao anxo maligno unha beleza triste ou unha fermosura sinistra. Non pode ser así, porque o sinistro endexamais soe ser fermoso e porque o seu sentimento non é a tristura, senón a raiba. Ninguén se decatou da fuxida de Atheán, xusto no intre no que Celia Pereira, presidenta da Fundación Risco, convidou aos asistentes a pasar ao interior para degustar uns gorentosos petiscos e un bo viño ourensán.

É sabido que a alimentación dos anxos nada ten que ver coa nosa, a dos humanos. Iles comen e beben do maná que hai nos ceos. Como se me ten queixado o propio Atheán; cando lles pega a fame levan moito traballo, subindo e baixando...

Contenido patrocinado

stats