Rivada e Ferreiro, pensamentos fuxidos e caligrafías sonoras

ARTE ET ALIA

Publicado: 26 may 2025 - 00:06
Xosé posa en Verín diante dunha das súas obras.
Xosé posa en Verín diante dunha das súas obras.

E chega Xosé Luís Gómez Rivada, cunha manchea de pezas escultóricas á sala de exposicións municipais de Verín..., e colócaas sobre pedestais, ao alcance dos ollos, pezas para circundalas, ou deambulalas. Así esa forma-totem, de fuste contorsionado, helicoidal, coa que parece querer levarmos á forma canónica do estilo Barroco triunfante en centos de retablos, ou no propio baldaquino berniniano de san Pedro, mais prefiro pensar, como Xosé, posiblemente, no animal serpentiforme do libro bíblico do Xénese que fala a Eva, arredor daquela árbore, tan suxestiva, no centro do Edén...

Hai tamén outra que arrima a un ángulo da sala para destacar as súas sutís faces angulosas que remata nun metálico rizo curvo. E un espectacular peixe, en azul e iridescencias vermellas, co que denuncia a contaminación da fauna mariña ou de río, como a do Limia, coas macro-granxas que o deixan cheo dunha flora verdosa polas ciano-bacterias e nitratos no seu curso até o encoro das Conchas en Lobeira, sendo un tema recorrente no artista o dos peixes transxénicos. Pendurado na parede e suspendido dun fino arco hai outro de rechamantes cores do que o artista da conta que lle falou da escuridade abisal na que vive, pedíndolle que pinte esa cor negra que apenas ninguén ten visto... Un xeito de proceder que nos lembra ao seu colega Patinha, quen tamén gusta explicarse con versos. E nas paredes da sala X. Rivada amósanos esculto-pinturas metálicas, altorrelevos figurativo-abstractos, algúns case monocromos, outros semellan capas de residuos, algún xeométrico, e hainos figurativos, cun ar a Julio González. Con eles, pintura xestual, de intensas cores. Así estas obras súas esenciais que, agora, ao velas de novo nesta sala da súa vila vital e referencial dálle novos azos e sentimento, pensamentos fuxidos con lirismo de seu. Obras ao Rivada modo, escultura e pintura comprometida e falangueira.

Peixe transxénico de X. Rivada.
Peixe transxénico de X. Rivada.

E malia que Xosé exerza como verinés, naceu do outro lado do Sil, Lugo, preto de onde vive e traballa Carlos Ferreiro, profesor e artista monfortino, que trae os seus complexos debuxos sobre papel Canson 1557, soporte sobre o que van os retratos, utilizando apenas dúas ferramentas, o lapis de pedra negra para facer os rostros, nunha inxente variedade á que prefire referirse como se dunha paisaxe humana se tratara, título da mostra.

Debuxo de Carlos Ferreiro, con texto en castelán.
Debuxo de Carlos Ferreiro, con texto en castelán.
Sobre eles escribe con lapis de grafito en paralelas liñas e primorosa caligrafía, textos propios inspirados en temas musicais dos que extrae fragmentos, coros que lle emocionan, sentimentos inspirados nos retratados

Caras soñadoras unhas, de xestos doces outras, en tensión ou distendidas, debuxadas todas sobre fondo negro. De fronte, perfil ou tamén de costas, xente que durme ou nos fita con decisión. Así nos últimos seis anos, escolle xestos, corenta e catro son os que leva feitos, dos que escolle un abano. Sobre eles escribe con lapis de grafito en paralelas liñas e primorosa caligrafía, textos propios inspirados en temas musicais dos que extrae fragmentos, coros que lle emocionan, sentimentos inspirados nos retratados. Son obras todas nun formato menor, na estética das fotografías B/N e películas de antes do tecnicolor, tipo Carl Theodor Dreyer ou Ingmar Bergman, que tanto pouso deixaron cos contrastes. Todo elo en Ourense, Espazo de Arte da boutique de moda e complementos de Roberto Mariño Verino. Ferreiro é un debuxante e calígrafo de vocación quen fixo deste mesmo tema, en 2023, outra exposición no Centro do Viño da Ribeira Sacra, espazo que ben puidera existir Ourense, terra con tres denominacións de orixe...

Contenido patrocinado

stats