Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
Auriabella homenaxeou a Valentín Lamas Carvajal póndolle o seu nome á rúa do Instituto. A Corporación Municipal ourensá convocou aos vilegos para que a acompañara en "procesión cívica" o martes 16 de xuño de 1925, como informou La Región do xoves 18 de xuño. Foron tres as rúas que recibiron as novas nomenclaturas, segundo reseña o xornal: “El acto de anteayer para dar los nombres de Lamas Carvajal, Curros Enríquez y Habana a tres calles de nuestra capital resultó solemne, conmovedor y extraordinariamente concurrido”.
Ourense, a finais dos anos 40 do século XX, recuperouse culturalmente con personaxes vencellados a ela en diversas tertulias, como a do Hotel Roma, con profesores e escritores de algunha entidade cultural. O alcalde Eduardo Valencia creou unha comisión que se reuniu no Liceo en 1949 para organizar a homenaxe a Lamas, alzando un monumento no Posío e colocando na súa rúa dúas placas de bronce realizadas na Fundición Malingre, da familia de Lamas. Instaláronse en ambos estremos da rúa: no número 2, na casa da familia Brasa que fai esquina coa Praza Maior, e a outra, no número 13 de San Miguel esquina coa rúa Lamas Carvajal, onde estaba Calzados Arca, derrubada hai anos. Na nova casa non se reinstalou a segunda placa. A Corporación debía recuperala, encabezando unha nova “procesión cívica”.
Auriabella estendéuse cara ao norte da Praza Maior no denominado Barrio Novo, xurdindo o progreso moderno e comercial na rúa Lamas Carvajal, rematando no Paseo, orixe do seu modernismo construtivo. A rúa conserva secularmente o seu engado coma poucas teñen.
O nome de rúa Instituto mantívose trinta anos máis desde o traslado do centro docente á rúa Padre Feijóo acaecido en 1895, ata que en 1925 recibiu o nome de Lamas Carvajal.
As graníticas edificacións máis monumentais están situadas na marxe esquerda, a dos números impares. A primeira fai rotonda coa antiga rúa Pereira, hoxe avenida de Pontevedra; os Almacéns Olmedo ou Alfredo Romero substituíron as antigas edificacións.
No número 5 se construiu, en 1529, o Pazo dos Oca Valladares, un dos edificios máis emblemáticos da cidade. De arte gótico-plateresca, ten unha rica fachada e no seu interior destaca o “patio de columnas”, oito en total, con baixo e dous andares e, no medio, posúe unha fonte moderna con aire clásico e mármore de Carrara, realizada polo escultor e marmorista Piñeiro a comezos do século XX, axustándoa ao estilo medieval. O Liceo de Ourense é a sociedade mais antiga da cidade, creada en 1850. Tivo a súa primeira sé na rúa da Obra (Lepanto) trasladándose a comezos do século XX ao Pazo dos Oca Valladares.
Ramón Otero Pedrayo opina sobre o Liceo: “O fino debuxo, a delicada e parca elegancia da porta do Liceo, sempre será o mellor logrado na arquitectura urbana de Ourense”, e Alfredo Cid Rumbao escribe: “A portada de aire gótico enmarcada por columnitas; catro balcóns de tallados balaustres sobre ménsulas, o principal con alfiz que encadra catro pedras de armas, aparello pulido e cornixa con gárgolas”. A Farmacia Barja estivo instalada no baixo durante uns 90 anos, ata hai tres.
O resto das construcións veciñas son de carácter relixioso e están na liña impar contiguas ao Liceo, ata os xardíns do Pai Feijóo. A Compañía de Xesús (xesuitas) foi a responsable da súa construción: a igrexa de Santa Eufemia do Centro e o edificio do Seminario Conciliar de San Fernando, onde estivo instalado o Instituto, hoxe Residencia Sacerdotal.
A igrexa de Santa Eufemia foi alzada en 1653. O seu interior está composto por tres naves, con bóvedas de medio cañón; foi na primeira metade do século XVIII cando frei Plácido Iglesias engadiu a fachada barroca. Existe un grandioso cruceiro que remata nunha linterna reformada en 1899. Nel se conserva o único testemuño do Casino dos Cabaleiros, desaparecido a finais do século XIX da Praza Maior: a lámpara do salón principal. Do retablo central sobresae o “Cristo da Esperanza”, de Ferreiro. Foi no ano 1770 cando Santa Eufemia se converteu en parroquia ao trasladarse esta desde a capela de San Xoán da Catedral, quedando constancia no dintel da fachada.
O xornalista Jesús Manuel García, nun artigo publicado o 27 de setembro de 2015 titulado “Santa Eufemia por todo lo alto!” confirmou os meus recordos sobre a construción e remate da torre dereita da igrexa ao informar que as obras da mesma comezaron o 10 de febreiro de 1988 e remataron o 1 de xuño de 1996, realizadas polo mestre canteiro González Ansia, estando gravados estes datos no campanaário da igrexa.
Segundo a tradición popular foi nesta rúa onde residiu o colectivo xudeu da cidade ata a súa desaparición a finais do século XV. A sinagoga puído estar situada no solar da igrexa de Santa Eufemia do Centro ou nun solar de enfronte.
A rúa Lamas Carvajal mantivo secularmente unha animosa actividade comercial:
O dentista García del Villar tiña o seu despacho no numero 2 (edifício dos Brasa).
A casa número 10 pertence á familia Pascual. Nela tivo instalada unha tenda de venda de instrumentos musicais. Otto Bodmer, parente deles, famoso artesán e reloxeiro suizo, exerceu nela a súa profesión: a venda e reparación de reloxería, desde comezos do século XX. Previamente estivera na rúa da Pereira (avenida Pontevedra) antes de edificarse nela os Almacéns Olmedo ou Alfredo Romero. A Mariposa, un comercio de roupa de nenos, estivo aquí instalada; pechou hai uns tres anos por falecemento da propietaria. Agora ocupa o local o negocio de comidas italianas Dolce Vita.
O comercio de paquetería e quincalla de Felipe Santiago trasladouse do número 30 á rúa da Paz en 1893. A Casa Singer, especializada en máquinas de coser, permaneceu desde 1920 neste número 30 ata entrado o século XXI.
A Confetaría Macarrillo era a de máis sona da cidade. Ubicada no número 34 “especializada en doces finos para vodas, bautizos e lunchs”.
A Zapatería Mosquera, fronte a Residencia Sacerdotal. Mosquera, estaba permanentemente á porta do negocio, onde vendía zapatos e zapatillas. Faleceu hai trinta anos.
Os baixos do numero 9, propiedade do Bispado, acolleron os Almacéns Santa Eufemia, que desapareceron a finais do século XXI; despois, a Perfumeria Maryan, hoxe ocupada por Hermanos Barros e a libraría Betel, propiedade do Bispado, sita no soto. Segue activa na actualidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Ofelia Cardo exorciza las sombras del pasado
Emilio R. Portabales
TRIBUNA
Pasado, presente e futuro dos Coros Galegos
DIARIO LEGAL
¿Camino público o serventía?