Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
O PP revalidou a súa maioría absoluta con 40 sobre 75 deputados e un 47,4% dos votos (47,9% no 2020), malia que subiu algúns milleiros nun contexto de moi importante participación: 67,3% fronte ao 58,8% do 2020 (en ambos os dous casos sen contar co censo de non residentes). O PP alicerzou a súa maioría nas sobrerrepresentadas circunscricións de Lugo e Ourense e, en xeral, no medio rural. Tamén, por certo, no rural das circunscricións coruñesa e pontevedresa, amosando unha importante diferenza entre o comportamento electoral das principais poboacións fronte ao conxunto do territorio .
Porque o BNG foi a primeira forza política na nosa cidade máis poboada deste país (Vigo), en toda a súa ría e no Morrazo e, sumados os seus votos aos do PSdeG, sobrancea sobre o PP noutras áreas urbanas da Galicia atlántica, nomeadamente A Coruña, Pontevedra, Compostela, a Barbanza e Ferrolterra. Con case 470.000 votos (31,6%) racha todos os rexistros e demostra non ter teito. O seu avance na Galicia urbana reflectiu a existencia dun indubidábel voto de cambio, que non foi abondo para facer Ana Pontón presidenta deste país.
Mais o afundimento do PSdeG. que baixou do 19,4% de votos e 14 escanos ao 14% e só 9 representantes, frustrou de vez a posibilidade de remuda. Sendo grande a perda de votos foi moito máis importante a perda de escanos, pola inmisericorde aplicación da regra D’Hondt, que beneficiou nomeadamente a un PP que acada o 53,3% dos escanos cun 47,4% de votos. Ao tempo, certificouse a total liquidación na Galicia do espazo da esquerda dos comúns: Sumar, co 1,9%, ainda quitou menos votos ca Vox e Podemos (0,4%) menos ca o Pacma. Malia todo, a suma de BNG, PSdeG e Sumar fican por riba do número de votos do PP, amosando a pluralidade do noso mosaico social.
Democracia Ourensana obtivo un bo resultado na cidade de Ourense e Barbadás, que prexudicou nomeadamente aos resultados do PSdeG. Porén, o seu deputado será irrelevante, constituíndo a anécdota da noite electoral.
Rueda e Feijóo aprobaron con nota a proba. Funcionou a estrutura e capilaridade social do PP superando os seus indubidábeis erros e chatas de campaña. O PP manterá na súa integridade o Poder galego e, presumíbelmente, as súas políticas. Unhas políticas que prexudicaron obxectivamente a nosa economía, o noso autogoberno, a nosa sanidade e os nosos servizos públicos durante estes quince anos. Mais o pulo a prol da remuda da metade do electorado do país non foi abondo para abrir un novo tempo.
Porén, Ana Pontón e o BNG son responsábeis diante desa Galicia activa e dinámica que os votou para seguir a ampliar a base social e amosar que teñen a mellor diagnose e solucións aos problemas deste país. Para seguir a gañar, día a día, a confianza da nosa cidadanía Ana Pontón é o referente para unha parte moi importante da nosa cidadanía. Se non foi desta será, con moi alta probabilidade, na vindeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinness que espera en Lugo
Lo último
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal