Ruth Lodeiro fala dende Áfona deste mundo Babel

ARTE ET ALIA

Publicado: 08 dic 2025 - 06:40

Ruth Lodeiro fala dende Áfona deste mundo Babel
Ruth Lodeiro fala dende Áfona deste mundo Babel | La Región

A la, eido do téxtil, e o da cerámica, tan unidos no dicir plástico de Ruth Noemí Lodeiro xúntanse desta volta co cartón, pasta de papel transformada, e tamén co metal, para facer unha mostra arredor dun principio, o do tema da comunicación ou entendemento. Ou, mellor dito, o da incomunicación, que a presenza dos catro, amosa unha oposición cardinal, como os puntos de orientación usuais, e falan dunha intención inicial que, nas súas mans, transcenden dos reinos das metáforas particulares ao da alegoría expositiva, nunha significada complementariedade entre os vocabularios matéricos. A peza principal é a torre de Babel. De traza cilíndrica decrecente é tripolar nas cores, ao xeito do significado cadro pintado en 1563 por Pieter Bruegel o vello, un texto extraído dun dos libros xudeus do Antigo Testamento (Xénese, 11:1-9), tema mítico inspirado na de Babilonia na grande chaira entre ríos das terras de Mesopotamia e símbolo do desacordo para seguir coa xigantesca construción que xa tocaba as nubes. Así dende Bruegel a Lodeiro, obra alí con núcleo de arcos e bóvedas de ladrillo e revestimento de pedra labrada, estrutura que en Ruth é de cartóns engarzados -a fraxilidade-, e algunhas pezas cerámicas claras. Ámbalas están inconclusas mais o grande artista flamenco represéntaa aínda que en plena construción, nun extremo dunha chaira poboada. Eis a fase da soberbia. Para nós, a dos anxos asaltándoa é a máis explícita da detención da obra, sendo ademais símbolo celeste da falla de entendemento entre os operarios pois, castigo divino, comezaron a non poder entenderse pois falaban distintas linguas, o que provocou o abandono da xigantesca empresa, como se expresa no fol. 17v. do Libro de Horas de Bedford, París, ca. 1410-1430.

Medra nestes intres dende a soidade o orgullo da torre de marfil

A exposición comeza na sala cunha intensa bipolaridade cromática co vermello e o negro, telas negro sobre vermello, dalgunhas saen anacos con fíos ou letras, para tornarse na segunda zona, tralos apuntes turriformes da entrada, un deles metálico, a da grande ruína da Babel, e outras de cores monocromas que semellan rodas, algunhas con canas, indo noutra estas nun arame, narrando noutro rexistro o seu pensamento primeiro de soidade dende a falla de entendemento. Nos nosos tempos, hai información dabondo polos medios dixitais, con pantallas de grandes dimensións ás individuais en petos e bolsas. Así se privilexia o instantáneo, a velocidade, e a superficialidade, o que leva á banalización, malia ter coñecementos para discernir con sentidiño. Xorde a intolerancia co distinto, das comuñóns relixiosas ou pel, ás sociais e asentadas en dicotomías sexuais, medrando o medo ao diferente, desprezando ao individuo como persoa. Unha masa de seres sen empatía, gregarios, coa fe baseada no forza do conxunto-rabaño. Un paradoxo este de fin de ciclo histórico, para outros Era. Medra nestes intres dende a soidade o orgullo da torre de marfil. Tal Bolonia, na Toscana italiana, que chegou a ter máis de duascentas torres na Idade Media, das que restan dúas, a Asinelli e a Garisenda, esta en citada xa por Dante. Exposición esta a da Galería Dodo Dadá con resposta implícita ao réxime neoliberal, Áfona vs. Fónico, un pensar distinto, baseado na dúbida, para decidir cunha fala nova.

Contenido patrocinado

stats