Fernando Muñoz
TRIBUNA
La advertencia de Hinton: la IA sabe mentir, y lo hace
Todo comezou co agasallo. Ou todo rematou, segundo se mire. O meu amigo Charlie consumara o seu soño de corentena, de corenta anos quero dicir, botándose unha noiva case vinte anos máis nova. Hai soños que un non sabe que ten ata que se cumpren. Cando un comeza a albiscar o outono da vida, dálle a volta o disco, e esas cousas que se din, a un éntranlle as présas.
Aos máis charramangueiros dálles por mercar unha Harley, aos máis ricos unha segunda vivenda, e os que queren deixar un bo cadáver, por poñerse ortodoncia. A Charlie deulle pola moza máis nova.
A cousa empezou moi ben. Por sorte, a Charlie non lle fallaban nin as forzas nin a preguiza para volver percorrer camiños que un xa reservara para os netos. Con sorte pasaríalle como lle advertira o oráculo a Aquiles. En plan, se non vas a Troia, terás unha vida longa, fillos e netos que te amarán e lembrarán. Se vas a Troia, as túas fazañas serán lembradas polos séculos dos séculos, pero morrerás. E Charlie escolleu a morte. Claro que, en principio, iso non o sabes. Ata que chegou o agasallo.
Ata aquel momento a rapaza non fora demasiado ambiciosa. O camiño incluía volver viaxar por pracer; follar con vistas ao Vesubio, fotografarse na máquina de escribir da Shakespeare and Company de París, ou cun kalashnikov en Serra Leoa. O típico.
A cousa consistía en ir a non sei que pobo de Cataluña e saltar xuntos dun avión, enganchados con cadeas a un monitor que te grava cunha GoPro.
Tamén había algunhas peaxes, por suposto. Coma rematar nun piso de estudantes a consumir varias drogas, mentres un rapaz lle contaba que abandonara Enxeñaría Industrial por un grao superior de técnico en animacións 3D, xogos e contornos interactivos. Aquilo, por suposto, non ía acabar en voda. Aínda que as de vinte xa nin saben o que é iso. Os seus soños pasaban máis ben por marchar un ano sabático á India para desestresarse, supoño que do parto da súa nai. E ensinar a ler a rapaces nun deses lugares nos que te limpas coa man esquerda e comes coa dereita cousas que parecen terra de cores e que colles a puñados dun saquiño. Aquilo, a estas idades, parecíanos o inferno, pero nin Charlie nin nós podiamos imaxinar aínda o nivel que podería acadar a o inferno.
Descubrímolo co agasallo, creo que xa o dixen: Un salto en paracaídas. Toma xa. Iso si que é unha proba de amor, e non a voda. A cousa consistía en ir a non sei que pobo de Cataluña e saltar xuntos dun avión, enganchados con cadeas a un monitor que te grava cunha GoPro.
En cada cea sacabamos o tema esperando que nalgún momento Charlie se derrubase. Buscabamos o medo nas súas pupilas, un pestanexo, un brillo que aparece e desaparece, como os astrónomos buscan planetas con día e noite no universo. Pero nada. Dabámonos cotenadas e eles sacaban o móbil e miraban datas. Por sorte, Charlie tiña un calendario ocupadísimo, que non tardou en ir liberando para os meses de inverno, e comezou a marcar datas no calendario nas que o salto sería imposible porque as condicións meteorolóxicas estarían da súa parte.
E así ocorreu un par de veces, o que significou un par de anos. Ata que, a punto de caducar o agasallo, por fin houbo data, e esta vez non se ía librar facilmente. Vento favorable, calendario laboral despexado. Xa só quedaba finxir unha indisposición, pero Charlie non era deses. Era un home feito e dereito. Así que fixo o que mellor se lle ocorreu en medio da desesperación: liarse cunha muller máis maior e agardar, como así acabou sucedendo, a que a rapaza os descubrise antes do salto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar