Salva-la circunstancia

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 18 oct 2025 - 01:45

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Eu son eu e a miña circunstancia; se non a salvo a ela, non me salvo eu”; explicaba así Ortega e Gasset que non se entende ó home e ó seu acontecer vital sen contar coa contorna na que escenifica a súa realidade. E este texto trata da circunstancia exterior do sector vitivinícola galego. Neste sentido, coido que non digo nada novo se afirmo que Galicia é unha terra que posúe, historicamente, unha vocación vitivinícola; ó longo dos séculos, o viño foi un produto esencial na nosa cultura ó tempo que constituíu unha das bases da economía familiar. Hoxe en día, representa un sector económico coa consideración de estratéxico para o país polas capacidades de xerar emprego e fixar de poboación no rural.

En termos produtivos, os datos oficiais din que Galicia posúe máis de 33.500 hectáreas plantadas correspondentes ó 3,5% da superficie nacional e que conta co maior número de viticultores rexistrados do Estado. Como actividade económica, este sector achega arredor do 1,4% do noso PIB e mantén o 1,5% do emprego; isto é, xera máis de 15.000 os postos de traballo, contabilizando os directos e os indirectos. Lembremos tamén que Galicia posúe 10 selos vitivinícolas de calidade diferenciada que protexen e poñen en valor as características senlleiras dos seus produtos facendo boa a expresión de que Galicia é calidade. Finalmente, segundo o Infovi, na campaña anterior a nosa produción total foi de máis de medio millón de hectolitros, cunha clara orientación cara ós brancos (o 86,5%) e unha aposta pola calidade xa que máis do 99% ampárase nun deses selos.

Este panorama deixa ó noso viño nunha situación complicada e coa necesidade de abrir novos mercados ademais de potenciarse naqueles onde xa ten presenza.

Porén, a capacidade de exportarmos móvese en cifras moi baixas xa que só é galego o 0,77% do viño vendido fóra polo conxunto español. Ademais, o panorama que debuxa o horizonte é pouco claro por unhas circunstancias adversas que se resumen en tres: en primeiro lugar, as eivas estruturais comúns a todo o noso sector primario que lastran a súa competitividade e a sostibilidade económicas; falamos da atomización e o insuficiente grao de industrialización traducido en moitas pequenas adegas cun volume produtivo miúdo; isto dificulta a incorporación de novas tecnoloxías, os recursos de xestión e o acceso a novos mercados. En segundo lugar, a crise internacional que sufre o sector dende a pandemia, representada por un mercado á baixa coa diminución do consumo, sobre todo do viño tinto, e o aumento do prezo do produto polos maiores custes de produción. Finalmente, a situación política mundial complicada, con decisións da administración Trump que derivan na imposición de aranceis ás importacións de produtos europeos -que para o viño se cifran, provisionalmente, no 15%- e o anuncio da UE dun recorte na Política Agraria Común para destinar recursos a outros fins. Este panorama deixa ó noso viño nunha situación complicada e coa necesidade de abrir novos mercados ademais de potenciarse naqueles onde xa ten presenza.

As políticas agrarias nacionais e europeas apoian os investimentos en adegas con programas como o de promoción de viño en terceiros países que persegue fomenta-lo coñecemento das calidades con axudas para a apertura, a diversificación e a consolidación dos mercados foráneos. Porén, as condicións de acceso ás mesmas son penosas para a maior parte das nosas adegas polo que son poucas as beneficiarias. Para remedialo, hai uns días aprobamos, no Parlamento de Galicia, unha iniciativa baseada na vontade de salva-las circunstancias que rodean á exportación dos nosos viños impulsando a mellora desas condicións de acceso. Para corrixilo, a instancias do Partido Popular, aprobamos apoia-la apertura dun campo de oportunidades para un sector clave do noso rural.

Contenido patrocinado

stats