Que se salve quen poda

Publicado: 27 may 2025 - 04:40
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Galiza desde fai décadas arrastra un problema demográfico, primeiro pola emigración masiva, fomentada como saída pra unha economía que se quería subalterna, e de supervivencia. E a caída da natalidade era a consecuencia lóxica, xa que a maioría dos que marchaban era mocidade. Esta traxedia, dado que o resultado demográfico é un retroceso da povoación autóctona, compensada hoxe parcialmente coa entrada de inmigrantes, sumando así máis man de obra barata, sen políticas de integración. Favoreceu á centralización e concentración da riqueza, a desigualdade, ademais de ter consecuencias negativas respecto da cultura e lingua, á perda de diversidade, como un dos bens esenciais da humanidade.

É verdade que canto máis e de maior calidade é a produción maiores son os ingresos, os medios económicos, mais tamén depende esencialmente en como se reparte ese diñeiro, e cales son as condicións laborais

Analicemos, comparemos, os datos dunha desfeita que xa ninguén nega, especialmente respecto daquelas autonomías (ou nacionalidades caso de Galiza) que xogan un papel subalterno. No censo de 1911, o Estado español tiña un total de 19.990.909 habitantes de feito, e Galiza 2.063.589, ou sexa o, 10,3% da povoación. Case que o dobre que hoxe. Xa que no ano 2024 os habitantes do Estado español eran 48.619.000, e no noso país 2.705.000, é dicir só o 5,5% do total. Mentres que a autonomía de Madrid pasaba, en só medio século, de 3.767.000 habitantes en 1971, o 11% do total do EE, a o 14,4% no ano 2024 (por certo, no ano 1911 tiña 878.641 habitantes). As diverxencia das tendencias son evidentes, nun caso retroceso e noutro un forte avance demográfico, evidentemente acompañado por unha estratexia política (e económica) que lle servía de sostén. Non hai argumentos doutro tipo, porque a localización xeográfica de Galiza e moi semellante a das rexións máis ricas de Europa.

Vistos algúns dos antecedentes imos ao presente, no que ademais, como consecuencia do modo de vida que se impuxo coa globalización neoliberal, a mortalidade supera xa en moitos países a natalidade, por razóns que no fundamental teñen que ver como modo de vida que vai asociado aos propio sistema socioeconómico dominante. Non se trata de que haxa familias que non desexen ter descendencia, algo que se sempre se deu na humanidade, mesmo en moitos casos por razóns forzadas, fames, guerras, etc. senón porque, malia o medre da economía, e os avances científico técnicos, hoxe hai moitos fogares (calquera sexa a súa composición) que deben optar entre ter fillos/as ou poder alugar un piso e mesmo chegar a fin de mes.

Os datos son demoledores en relación ao reparto dos ingresos. Na Galiza un 80% da povoación ocupada é asalariada, agora ben as rendas do traballo só representan o 44,2% do total do PIB. Daquela que malia os avances técnicos, que tanto se gaban, moitas veces pra cubrir o déficit social, temos que segundo un estudo elaborado pola “rede europea contra a pobreza e exclusión” no ano 2023 unha de cada catro persoas, 690.000 (un 26,5%), estaba en risco de pobreza o excusión social, cun aumento de 50 mil persoas sobre o ano anterior. O estudo salienta que o número de mulleres dobra ao de homes, e que neste situación se atopan un 52,7% dos fogares monoparentais.

Ficamos nun mundo en cambio, cun capitalismo senil e esgotado, a chamada globalización neoliberal. É verdade que canto máis e de maior calidade é a produción maiores son os ingresos, os medios económicos, mais tamén depende esencialmente en como se reparte ese diñeiro, e cales son as condicións laborais. Non menos importante é o aceso á vivenda, facilitar a mobilidade, contar con servizos e prestacións públicas que ofrezan cobertura. A natalidade, a demografía, non é un problema máis é un reto esencial pra Galiza e o mundo, e non se pode tratar un país como se fose unha fábrica ou negocio; trátase de darlle o valor que ten ao factor humano, que é o fundamental. As axudas primarias non resolven cuestións estratéxicas.

Contenido patrocinado

stats