San Xoán: Capital Europea

Publicado: 13 ago 2025 - 02:50

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Que eu saiba, este titular, engadindo a “lonxevidade”, só ocurre no concello de San Xoán de Río. Cando hai conviccións, prestixio, e seriedade, non fan falta os cargos, di un dito antigo. Tampouco para facer un grande evento. Ten moito mérito e transmite conviccións, prestixio e seriedade, onde outros só miran catastrofismo, cun alcalde dun pequeno concello do interior do interior de Galicia, Ourense, lonxe de resignarse… o transforma nunha oportunidade. Unha homenaxe a moitos e excelentes médicos, pero sobre todo mellores persoas, fixeron posible o “Festival da Lonxevidade”, onde o epicentro foi o Concello de San Xoán de Río, nas terras de Trives. A partir de agora recordarase este concello como “Capital Europea da Lonxevidade”. De paso homenaxeouse aos 59 médicos arraigados no concello, o cal ten o seu mérito.

Pois si, un concello de 519 veciños censados, con 59 médicos, xa sexan do mesmo concello ou enraizados na zona, e que sinten como propio ao concello de San Xoán, non só é de admiración por parte de calquera veciño pertencente ao concello, senón tamén dun foráneo. Pouquiños máis de cincocentos, cunha idade media superior aos 60 anos, aí temos e aí está -non é o mesmo ter que estar- un alcalde capaz de converter o que para a maioría sería unha mágoa, unha ¡lamentación!, que deixaría derrotado ao máis pintado, nunha oprtunidade de lonxevidade e vida, como eixe transformador.

San Xoán de Río converteuse no segundo fin de semana de agosto na “Capital Europea da Lonxevidade”. E neste contexto recoñeceuse a 59 médicos. Que ledicia atoparse con compañeiros de profesión, que tempo pasou de non coincidencia: Paco, Delia… Profesionais vidos de Toledo, Madrid, Getafe, Ferrol, algún de vacacións, a San Xoán. No aire, alguén deixou unha pregunta: Como un pequeno concello pode concitar tan elevado número de médicos colexiados e, ademais, maioritariamente, acudan a unha cita convocados polo alcalde? Unha terra, a comarca de Trives, á que pertence o concello de San Xoán, é terra de emigrantes e non poucos afiadores, xente que traballou de arreo e procurou que os fillos e netos estudaran unha carreira -sanitaria- ao través da cal a solidariedade e a axuda ás persoas se magnifica.

Unha homenaxe a moitos e excelentes médicos, pero sobre todo mellores persoas, fixeron posible o “Festival da Lonxevidade”

Trala benvida e o saúdo inicial do alcalde “Chemi”, correspondeume dicir unhas palabras, onde fixen fincapé da incidencia tan elevada de médicos neste concello e zona. Só un exemplo: Se en España e Ourense hai de media sobre 6 colexiados por cada mil habitantes… pois en San Xoán de Río son máis de 100 por cada mil habitantes; quede claro que exercen por distintas partes de Galicia e España; o aclaro porque houbo quen preguntou onde estaban tantos médicos. A continuación disertou un médico do concello, que exerce noutro, e que enseñounos a historia de tantos médicos, con moitos apelidos ilustres que se asentaron no concello, e que deu lugar alá polos finais do século XIX o que agora é admiración. Pecha as intervencións un ilustre médico -gozada escoitalo-, o Dr. Ovidio Fernández Álvarez, o cal presume de ser de San Xoán de Río, ex Xefe de Servizo de Medicina Interna do CHUO, emérito, etc., etc., sempre un referente da medicina, que nos maravillou cunha clase sobre a fisiopatoloxía da lonxevidade. E como colofón e clausura interviu o presidente do Parlamento -Miguel Santalices-, que felicitou ao alcalde polo emotivo evento, e nos ilustrou ca figura de Castelao médico humanista; ata tivo tempo para reivindicar un AVE sen restriccións na Gudiña.

Unha homenaxe por todo o alto a médicos, no contexto da lonxetividade, onde catro das sete comarcas máis lonxevas de Galicia están en Ourense. Xa o teño dito, que inflúe no obxetivo de alcanzar máis anos: Dieta de proximidade -da horta- e sen contaminantes, vida tranquila, exercicio físico moderado, a xenética. Pero sobre todo o nivel sanitario que levamos alcanzado, e o grande avance na saúde pública. Aquí foron fulcrales todos os sanitarios, e tamén a clase médica. A patires de agora quedan asinaturas como a de dar más vida aos anos e a loita contra o edadismo.

Contenido patrocinado

stats