Sapere aude

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 24 ene 2026 - 03:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Aínda no caso daquelas cousas que nos resultan máis simples, coido que o acto de pensar algo ou sobre algo nunca queda coma unha acción neutra nin baleira de contido. En troques, entendo que -como acontece con todo o que atinxe á actividade humana- tal acto adoita ter un propósito e unha significación. Concibido deste xeito, en ocasións, pensarmos implica pescudármo-lo camiño máis atinado para acadar un obxectivo que consideramos fundamental mentres que noutras, consiste en darlle un sentido máis acaído á nosa vida. En resume, teño a firme convicción de que o home non fai nada -incluído o acto de pensar-que non teña un motivo e, sobre todo, unha finalidade proveitosa para el; malia que esta, ás veces, non vaia máis aló da súa propia satisfacción persoal ou mesmo, da fuxida dunha situación de mala conciencia.

Neste mesmo sentido, sempre defendín que pensar algo ou sobre algo trae canda si unha dobre connotación: por unha banda, representa a constatación de que ese algo existe e pola outra, deriva nunha vontade tácita de que, sexa nuns termos ou ben noutros, o obxecto do pensado siga a existir. Velaí, como a afirmación da existencia de algo e mais da vontade expresa de que permaneza, constitúen elementos activos dese vivir oficial en continuum dunha sociedade -ó que me teño referido en moitas ocasións- ou ben, falando nun plano estritamente individual, da loita pola supervivencia dunha intrahistoria como medio de transcende-la historia xeral.

Alén destas reflexións expresadas nun ton e nunha forma xerais, coido que algo así acontece tamén con esa Galicia que se pensa e da que me agrada falar

Asemade, coido que dificilmente pensamos algo ou sobre algo se non temos algunha noticia mínima do mesmo, ben sexa a través de vivencias propias ou alleas -é dicir, como froito dunha experiencia vivida, ollada ou escoitada- ou ben por un simple proceso de transmisión no tempo; isto é, mediante a herdanza que recibimos dos nosos devanceiros. Neste sentido, cada idea que se tivo, cada costume que se adquiriu, cada historia que se narrou e cada lección que se compartiu, representan as microfibras dese fío invisíbel que, para min, liga ás xeracións. Ó mesmo tempo, nos proporciona o alicerce imprescindíbel sobre o que sustentamos unha percepción do mundo máis rica, máis consciente e moito máis responsábel. E, a partir do vivido e o transmitido, fuxindo dos simples prexuízos, debemos ser quen de tira-las nosas propias conclusións mediante un exercicio de autonomía intelectual persoal que derive nun necesario pensamento crítico. Quizabes, pregúntome ás veces, cada vez máis, nisto consiste o que, primeiro Horacio e logo Kant, quixeron expresarnos cando nos propuxeron aquilo do sapere aude?

Alén destas reflexións expresadas nun ton e nunha forma xerais, coido que algo así acontece tamén con esa Galicia que se pensa e da que me agrada falar, incluso para fundamentar unha praxe política. Malia que non hai dúbida ningunha de que existe, entendo que non é suficiente con que se afirme tal existencia de Galicia como territorio e como país. Tampouco chega con que se repita a macha martelo coma se fose unha idea máis a callar. Considero que é preciso que a nosa terra se faga viva cada día e iso só se consegue cando os galegos conscientes de seu a observamos e a cuestionamos, cando a pensamos e a transmitimos. Así, cada reflexión, cada debate, cada acto de darlle visibilidade, representa un xeito de reforza-la súa existencia e de asegura-la súa continuidade. Galicia só persistirá plenamente se aqueles que a sentimos asumímo-la responsabilidade de pensala, de reflexionar sobre ela, co gallo de transformármo-lo produto da consciencia individual nun patrimonio común; isto é, nun acervo ideolóxico de todos e para todos. Por que, só así, a Galicia que se pense será a que se constrúa tódolos días; a que se reflicta nas palabras pero, sobre todo, a que se faga realidade nos feitos dos que a sentimos e a amamos.

Contenido patrocinado

stats