Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Sapere aude
Hai cidades que se len como libros, e Ourense é, se cadra, unha das máis densas en literatura e pensamento. Nas súas rúas, o tempo non corre, senón que se vai pousando. Existe un fío invisible, de granito e espírito, que conecta tres séculos: a luz da Ilustración do Padre Feijoo, o Rexurdimento do cego clarividente, Valentín Lamas Carvajal e os tempos de Nós e nosos, a través da emoción de Ramón Otero Pedrayo. Tres figuras de homenaxe este ano: Feijoo polo 350 aniversario do seu nacemento; Lamas, polo 150 do primeiro xornal en galego, o Tío Marcos da Portela, e Otero por terlle sido dedicado polo Parlamento o 2026 como “Ano Oteriano”, ao cumprírense 50 anos da súa morte.
O primeiro nexo sitúanos no último terzo do século XIX. Benito Jerónimo Feijoo, o polígrafo ilustrado de Allariz nado nas terras de Melias, que coa súa pluma combatera os erros comúns e as supersticións, era en Ourense unha figura respectada pero carente dun símbolo físico que reivindicase o seu berce. Foi Valentín Lamas Carvajal, alma de El Heraldo Gallego e o Tío Marcos da Portela, dinamizador incansable da cultura local, quen impulsou como propia a tarefa de facer xustiza ao mestre de Casdemiro.
O día dos magostos de 1949, nunha España gris de posguerra, Otero Pedrayo foi figura principal no emotivo acto de homenaxe a Lamas
En 1876, coa celebración do II Centenario do nacemento de Feijoo, Lamas Carvajal converteuse no motor dunha iniciativa que buscaba festexar unha efeméride e un monumento. O poeta e xornalista entendeu que Ourense precisaba referentes que falasen de universalidade dende a raíz, e foron agarimados desde os seus xornais, concursos literarios e comisións de traballo promonumento. E grazas á súa teimosía, a estatua que hoxe preside os seus “jardinillos” -seica Plaza de Eugenio Montes- erixiuse como faro de modernidade urbana, pois foi a primeira estatua que se ergueu en Ourense. Lamas que ben cantou a Feijoo nos seus versos, fixo da súa figura un símbolo de identidade ourensá, unindo a razón ilustrada co orgullo da Terra. E se Lamas contribuiu decisivamente ao rescate de Feijoo, clave na recuperación da memoria de Lamas foi o “patriarca”, Ramón Otero Pedrayo. O escritor de Trasalba viu en Lamas Carvajal a encarnación do pobo ourensán, a voz popular que soubo falar con enxebreza o idioma da xente e a linguaxe da dignidade e o compromiso. Esta devoción cristalizou en dúas datas senlleiras na historia do Xardín do Posío, ese que outrora foi, xardín botánico do Instituto, xardín romántico da cidade, e que habería de ser lugar dos “asaltos-baile” e dos “Festivais da canción do Miño”, de mediados os sesenta do século XX.
O día dos magostos de 1949, nunha España gris de posguerra, Otero Pedrayo foi figura principal no emotivo acto de homenaxe a Lamas no centenario do seu nacemento e que foi a inauguración do monumento que hoxe vemos: busto de bronce de Pascual, esculturas de vello campesino e moza, de Faílde. Alí, no medio dunha festa popular, e ante o busto do poeta, a palaba de Don Ramón, por primeira vez en público en galego despois da guerra, foi un acto de resistencia cultural, un xeito de dicir que as vellas ideas de rexeneración e galeguismo, seguían en pé. O enfado do gobernador presente, foi símbolo de que Don Ramón, tiña razón.
Vinte e tres anos despois, en 1972, un Otero ancián e lucido, encabezou os actos do Día das Letras Galegas dedicado a Lamas no mesmo escenario. Así, o Posío tornouse nun espazo sagrado de relevo xeracional. Otero, que de neno e mociño vira pasar ao Lamas cego polo Paseo, pechaba o círculo. A conexión é clara: Feijoo puxo a razón; Lamas, a voz do pobo e o monumento que o fixo eterno; e Otero Pedrayo puxo a interpretación histórica e o sentimento que uniu a ambos coa paisaxe e o futuro. Tres vértices dunha mesma realidade: a convicción de que unha terra digna, honra aos seus sabios e poetas, parte fundamental da súa identidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Sapere aude
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Caen os tempos
Rafael Torres
Su cuerpo era otro
Afonso Vázquez-Monxardín
Un fío de pedra e palabra: Feijóo, Lamas e Otero
Lo último
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
Santiago Barreiros, fotógrafo de Ourense: cien retratos en blanco y negro
LOS BOMBEROS ASEGURAN LA ESTRUCTURA
El Arenteiro visita a un Racing de Ferrol en su peor momento
UNA MIRADA CONTEMPORÁNEA
Edición especial de Viña Costeira por el Entroido
PROYECCIÓN NACIONAL E INTERNACIONAL
Un año histórico de Ribadavia al frente de la Red de Juderías